Máis dun millón de euros para os clubs federados do ámbito inferior ao estatal e para o deporte náutico da provincia

As subvencións da Deputación serán outorgadas por concorrencia competitiva e valorarase de xeito especial o número de licencias femininas e de deporte adaptado

27/03/2022

Xunta de Goberno  

A Deputación de Pontevedra segue a impulsar o deporte coa aprobación das bases para os clubs federados que participan en competicións de ámbito inferior ao estatal así como para o deporte náutico da provincia. A institución provincial investirá 1.125.000 euros nestas achegas, que serán outorgadas mediante concorrencia competitiva. 

Aos clubs que compiten en ámbito inferior ao estatal chegarán 625.000 euros repartidos entre as entidades das distintas modalidades que participan en campionatos deste ámbito (575.000 euros), e  aos clubs de fútbol que compiten en preferente (50.000 euros). Para a súa concesión, valorarase o orzamento dos gastos subvencionables que presente cada entidade e o  número de licencias federativas, nas que puntuarán de xeito especial as licencias femininas ou as de deporte adaptado. No ano 2021 estas subvencións da Deputación chegaron a 393 clubs de 48 concellos.

No que respecta ás axudas ao deporte náutico, a institución provincial aprobou unha convocatoria por medio millón de euros que beneficiarán a entidades deportivas que participen en competicións  de piragüismo (280.000 euros), remo (145.000 euros) ou vela (75.000 euros) como xa o fixeron o ano pasado 55 clubs de 23 concellos da provincia.