Persoal da Deputación fórmase no manexo dos desfibriladores semiautomáticos

16/06/2022

desfibriladores formación

O Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá unha nova sesión dunha acción formativa na que o persoal non sanitario encargado da recepción do público nos edificios da administración provincial –principalmente persoal de vixilancia– está a aprender a manexar os desfibriladores semiautomáticos. Deste xeito prepáranse para darlle soporte vital a posibles vítimas de paradas cardíacas ata a chegada do persoal sanitario.

Esta formación, que está incluída no Plan Agrupado de Formación da Deputación de Pontevedra, ten un carácter bianual e a edición actual –xa se vén exercendo con anterioridade– tivo que ser adiada desde 2020 por mor da situación sociosanitaria. Onte mércores participaron 3 grupos de 24 persoas, e hoxe xoves foi a quenda doutros 2 grupos de 16 persoas, un total de 40 empregadas e empregados públicos que exercen as súas funcións no Pazo provincial, o Edificio Administrativo, o ORAL, o Museo de Pontevedra ou o Centro Príncipe Felipe.

A Deputación aposta por esta acción formativa para dotar o persoal de coñecementos que poden axudar a salvar vidas. Ademais, tamén colaboramos cos concellos de menos de 20.000 habitantes para dotar os seus edificios públicos destes aparellos. Desde 2016 repartíronse 103 desfibriladores para 41 concellos repartidos en 3 convocatorias, cada unha das cales estivo acompañada tamén de sesións formativas para o persoal municipal.

Galerias de imaxes