Noticias

María Ortega: "Despois do alzamento do 36 mataron a milleiros de persoas e tamén proxectos de progreso e transformación para a sociedade"

O Arquivo acolleu hoxe a presentación do libro Golpistas e verdugos do 36 cos seus autores, Lourenzo Fernández, Iria Morgade e Antonio Míguez


04 outubro 2019
Arquivo Golpistas e Verdugos

O Arquivo provincial acolleu hoxe a presentación do libro Golpistas e verdugos de 1936, un volume de artigos que ten a memoria como protagonista baixo un enfoque diferente á das vítimas, a das persoas que tiñan en fronte e sobre os que ata o de agora non se tiña investigado fondamente: a historia dos que asasinaron e mataron tras o golpe de Estado do 36, das súas motivacións e das súas circunstancias sociais.

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, quixo destacar na súa intervención que co asasinato de milleiros de persoas na Galiza matáronse, ademais de persoas particulares con familias e futuros, tamén proxectos de progreso e transformación para a sociedade en xeral. Segundo lembrou, o proceso político iniciado en 1931 coa proclamación da II República deu paso a un período de avances políticos e sociais que culminou en xuño do 36 coa aprobación do Estatuto de Galiza: "Era un tempo de esperanza, de apertura e de consolidación de proxectos de transformación e progreso que foi dramaticamente interrompido polo levantamento militar de xullo do 1936, dando paso a unha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante toda a ditadura, que deixou en Galiza máis de 5.000 persoas asasinadas e sufridoras doutras formas de violencia, especialmente as mulleres", indicou.

Segundo dixo, as institucións públicas "debemos ter un posicionamento claro de condena do golpe, da ditadura e da represión, e estar comprometidos cos valores democráticos e de defensa dos dereitos humanos, nomeadamente o dereito á verdade, á xustiza e á reparación". Por iso lembrou que os dous eixes do departamento de Memoria Histórica da Deputación neste mandato serán a reivindicación das ideas e proxectos roubadas para a transformación da sociedade e a loita contra a impunidade.

"Unha historia non agradable"

Na presentación de hoxe no Arquivo provincial estiveron ademais da deputada de Memoria Histórica, María Ortega, os coordinadores da publicación, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez e Iria Morgade. Tamén participaron o xornalista Xabier Fortes, o parlamentario galego Pedro Puy, e o editor de Galaxia Francisco Castro.

O libro recolle artigos dos seus coordinadores, pertencentes ao Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da USC (Histagra), e tamén de Iria Morgade Valcárcel, Conchi López, Aldara Cidrás, Xavier Buxeiro, Judith Carbajo e Rafael García, algúns deles avances de investigacións pertencentes a teses doutorais.

O prólogo do libro explica desde o inicio que as súas páxinas están destinadas  "á historia dos verdugos. Non é unha historia heroica nin agradable, tampouco unha historia esquecida. É unha historia que non tiñamos ganas de coñecer, pero que os historiadores e as historiadoras estamos obrigados a indagar e contextualizar. O coñecemento sempre resulta sorprensivo e desvenda erros, mitos, deformacións teresadas".

Esta publicación supón unha nova mirada sobre o golpe de Estado do 36. Fálase das dimensións sociais dos verdugos e os seus colaboradores e "canto se estende a marcha da violencia do golpe. Coñecerán os golpistas perseguindo as autoridades, empezando polas militares. Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política", explica o propio libro.

Fotos