Noticias

Maribel Cárdenas incidiu na importancia das políticas públicas para loitar contra a violencia machista

A técnica e asesora en políticas de igualdade da Deputación de Barcelona centrou a súa exposición na "Violencia de xénero: novas realidades e vellos discursos" e subliñou que a lexitimación da violencia contra as mulleres sustenta o patriarcado e a orde social


29 xuñ 2016
María Vinyals

A última das conferencias da xornada inaugural da Escola Pública Provincial de Igualdade María Vinyals correu a cargo da técnica e asesora en políticas de igualdade da Deputación de Barcelona, Maribel Cárdenas, e foi moderada pola directora da sección Galicia do Faro de Vigo, Irene Bascoy.

Maribel Cárdenas comezou a súa intervención dando a coñecer aspectos que comparte a Deputación de Barcelona coa de Pontevedra, entre os que se atopan o servizo de igualdade, a escola de igualdade e que ambas están presididas por mulleres.

Afondando no tema da súa conferencia, Cárdenas fixo unha defensa da igualdade no ámbito das políticas públicas así como na importancia da súa relación coa formación. Neste contexto, subliñou que "é necesario ter un marco teórico e un mundo de referencia, partindo do movemento feminista, para dar sentido ás políticas públicas que permitan mudar o mundo, porque a acción sen teoría ameaza con producir pesadelos".

Sobre a violencia, Maribel Cárdenas destacou que "a lexitimación da violencia contra as mulleres sustenta a orde social e o patriarcado, elementos denunciados continuamente polo feminismo, é a lóxica interna do propio sistema".  E adiantou que pese a que "o discurso se modernizou segue a ser cruel coas mulleres, regresando o sexismo e a hipersensualización das mulleres, deixándose patente que na actualidade está intacto o vínculo da masculinidade hexemónica co uso e consumo da sexualidade feminina".

Cárdenas tamén fixo fincapé "na violencia sexual que sufrimos as mulleres, particularmente a que están a vivir as mulleres máis novas", e centrouse "no porno como pedagoxía", proporcionando datos como que "sobre o 80% dos mozos se están a socializar coa pornografía a través de Internet".  A asesora da Deputación de Barcelona, mediante a exposición duncaso concreto dunha menor que atenderon desde a institución catalá, subliñou que "a industria do sexo é un inimigo atroz para a liberdade das mulleres, unha manifestación de que os vellos discursos do patriarcado seguen intactos".

Ante estas cuestións, Maribel Cárdenas destacou o necesarias que son as políticas públicas para "impulsar proxectos, construír novos relatos e loitar contra a violencia machista, xogando unha das grandes batallas do patriarcado, erradicando a colonización que este sistema está a provocar na sociedade". 


Novas relacionadas