Noticias

Marta Iglesias e Francisco Teixeira entregáronlles onte en Vigo material deportivo ás 22 escolas de balonmán da Deputación, nas que adestran preto de 3.000 mozos da provincia

O acto tivo lugar na sede viguesa da Deputación, coa presenza de todos os clubs e numerosos deportistas da provincia


28 abr 2015
Entrega de material deportivo

Unha vintena de clubs de balonmán da provincia de Pontevedra recibiron onte o material deportivo da Deputación, necesario para manter operativas as 147 escolas que a Administración provincial ten actualmente repartidas por 28 concellos e nas que practican esta disciplina algo máis de 2.800 mozos.

O acto, que tivo lugar na sede viguesa da Deputación, estivo presidido pola deputada provincial Marta Iglesias e polo responsable de Deportes en Vigo, Francisco Teixeira.

Ambos os dous explicaron que o balonmán é o deporte con maior presenza de nenos nas preto de 150 escolas deportivas da institución provincial. Esta modalidade foi pioneira no ano 2007 coa apertura de 25 escolas, nas que participaron 670 nenos. Na actualidade están operativas 147 escolas, repartidas en 28 concellos da provincia, con máis de 2.800 rapaces.

A Deputación colabora, ademais, coa Federación Galega de Balonmán para fomentar a práctica deste deporte entre os máis novos.

A deputada Marta Iglesias agradeceu, durante a súa intervención, "o gran traballo realizado tanto polos directivos dos clubs coma polos monitores e preparadores dos nenos e nenas". Pediulles a todos eles "que non cesen no seu esforzo, polo gran valor docente e formador que ten esta experiencia". Garantiu tamén o apoio da Deputación para manter operativas e mellorar no posible as escolas deportivas.

O modelo de apoio ó deporte base da Deputación está a servir de modelo noutras partes de España, que están a emular o desenvolvemento desta rede de infraestruturas e operativa docente, implantada desde 2007 na provincia de Pontevedra.

O  próximo 17 de maio celebrarase, como en anos anteriores, o Día do Balonmán na Rúa, que se desenvolverá en Cangas.