A Deputación aproba o proxecto de mellora da seguridade viaria na ep-9101, O Grove – Igrexa de San Vicente, por máis de 550.000 euros

Os recursos provinciais servirán para crear unha senda peonil de máis de 1,5 quilómetros entre Campos e A Gandariña que seguirá o modelo de mobilidade amable, sostible e segura da Deputación

30/07/2022

O Goberno da Deputación deu luz verde ao proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove – San Vicente. A actuación principal desta obra consistirá na execución dunha senda peonil de máis de 1,5 quilómetros no tramo que vai entre os núcleos de Campos e A Gandariña e que segue o modelo de mobilidade amable, segura e sostible da institución. Os traballos teñen un orzamento de 551.784 euros, que será sufragado pola Deputación nun 80% (441.427 euros) e polo Concello no 20% restante (110.357 euros), que financiará utilizando os recursos do Plan Concellos 2022-23.

 Os fondos provinciais transformarán completamente o tramo comprendido entre o PQ 1+000 e o PQ 2+550. Na actualidade esta zona carece de beirarrúas e, tralas actuacións, contará cunha senda cun ancho mínimo de 2,50 metros en todo o percorrido e estará acabada cunha superficie de formigón coloreado. Ademais colocarase un bordo de separación entre a beiravía e a nova senda peonil reforzando así a aposta do modelo provincial de mobilidade por dar prioridade o tránsito peonil sobre a circulación rodada.

Ademais desta senda, as actuacións comprenden a construción dun muro de 100 metros de lonxitude para a contención de terras nunha das zonas con maior desnivel, que tamén estará dotada dunha varanda de aceiro galvanizado. A seguridade viaria complétase coa dotación de tres pasos de peóns sobreelevados e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical para remarcar a preferencia peonil. A maiores, este tramo contará cunha nova drenaxe de augas pluviais e sumidoiros.

Logos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.