Moaña acolle a obra de teatro ‘As alumnas’ sobre a historia da pedagoga María Barbeito

A representación inclúese no ciclo de teatro ‘Barracas’ do departamento de Memoria Histórica da Deputación

18/03/2022

Barracas

Moaña vai acoller este venres a obra de teatro ‘As alumnas’ da compañía Culturactiva sobre a historia da pedagoga María Barbeito. Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que tamén levará á escena obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista a outras localidades como Vilagarcía, Silleda, Gondomar, Tomiño ou O Grove.

A peza representarase este venres ás oito da tarde na Sala Celso Parada Quintela do Centro Social Cultural Daniel Castelao con entrada de balde e sen reserva previa, ata completar capacidade.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega explica que coa programación deste ciclo de teatro sobre memoria a Deputación pretende dous obxectivos:  garantir que as compañías teatrais do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

‘As alumnas’ pon o foco na “imprescindible” figura de María Barbeito, unha muller revolucionaria a nivel pedagóxico e no desenvolvemento cultural de Galicia. O texto da peza foi feito por Paula Carballeira quen, alén de facer un traballo documental, recolleu o romper do silencio de dúas alumnas da propia mestra ao xuntarse no momento do seu enterro. A dirección é de Fina Calleja e as alumnas son encarnadas por Anabel Galo e Mónica Caamaño. A escenografía é de Carlos Domínguez, a luz é de Del Ruíz Giménez, o espazo sonoro de Ramón Raíndo e o vestiario de La Canalla.

A obra, dirixida a un público adulto e posta en escena pola compañía Culturactiva,  pon de relevo como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que  levan ás transformacións sociais do momento. ‘As Alumnas’ busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual, que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios do país, creándose así un acto ético-estético que se complementa coa participación de persoas espectadoras activas.