Moaña deseña o seu futuro co apoio da Deputación na urbanización de Sisalde, onde reserva espazo para o centro de saúde, o auditorio e vivenda social

Santos Héctor asiste á recepción dos 7.000 metros cadrados de novo solo urbano e destaca o impacto transformador dos 11,5 millóns achegados pola Deputación nos últimos anos

19/05/2022

Moaña

Os case 7.000 metros cadrados de solo do polígono 11 do Plan de Urbanismo de Moaña, máis coñecido como o polígono de Sisalde, xa forman parte do núcleo urbano. O deputado  de Cooperación, Santos Héctor, participou esta mañá no acto formal de recepción xunto coa alcaldesa, Leticia Santos e destacaron que Moaña deseña e constrúe o seu futuro cun espazo destinado a acoller o novo Centro de Saúde, o futuro Auditorio e vivendas de protección pública para a súa ocupación en réxime de alugueiro. Na visita participaron tamén a tenente de alcalde, Marta Freire, concelleiros/as e técnicos/as municipais.

A obra, cun custo total de 241.745 euros, foi cofinanciada polo Plan Concellos da Deputación, que sufragou 113.136,76 euros, nun exemplo máis da colaboración da Administración Provincial. O polígono queda urbanizado cunha rúa central, que levará o nome de Elisa de la Peña (mestra e activista social falecida en 2018), de case 150 metros de lonxitude e 12 de ancho, dotada de servizos de abastecemento de auga, rego, saneamento, pluviais, hidrantes para extinción de incendios, subministro eléctrico e de telecomunicacións, iluminación e gas natural. A nova vía conecta nun lado coa rúa Sisalde e no outro coa avenida de Rosalía de Castro.

Santos Héctor fixo repaso aos 11,5 millóns de euros que a Administración provincial leva investidos en Moaña. Así detallou que aos 9,6 millóns de euros das achegas xa realizadas cómpre sumar os máis de 1,8 millóns de euros que xa están comezando a chegar a Moaña da man do Plan Concellos 2022-23 para sacar adiante novos proxectos.

O deputado, que definiu ao polígono de Sisalde como “a clave de bóveda na que vai descansar o crecemento de Moaña” aplaudiu a elección dunha muller con traxectoria de esforzo en favor da veciñanza para nomear a nova rúa. Ademais detallou que nas achegas realizadas pola Deputación nestes últimos 7 anos (dende o cambio no Goberno provincial) destacan as obras de recuperación do espazo público para as persoas, unha das liñas mestras das políticas públicas que impulsa a Deputación. Así lembrou os máis de 500.000 euros en achegas para a materialización do Camiño Real, o gran eixe peonil que comunica con Cangas e que foi financiado polo plan DepoRemse (plan de mobilidade segura en vías de titularidade municipal). Citou tamén as obras practicamente rematadas da estrada provincial EP-1104 (a estrada de Abelendo), onde a Deputación está investir preto de 700.000 euros de fondos propios e fondos europeos FEDER para facilitar o tránsito das persoas que camiñan.

Santos Héctor concretou que son preto de 70 as obras cofinanciadas pola Deputación neste tempo, unha gran parte delas para a accesibilidade de barrios, mellorar parques infantís e pavimentar rutas peonís seguras ou, mesmo, para humanizar a praza do Concello. Finalmente, recordou que a Deputación vén de conceder a Moaña outra subvención de 870.000 euros no marco do plan ReacPon (Reacciona Pontevedra) para rehabilitar a antiga Casa do Concello.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.