Noticias

Mondariz estrea un moderno parque infantil cuberto e recupera o local social de Toutón cunha achega da Deputación de Pontevedra de 70.000 euros

Santos Héctor e Xosé Emilio Barros celebran que os investimentos provinciais permitan un "espectacular salto de calidade" na oferta lúdica para as/os máis cativas/os


21 abril 2021
parque infantil en Mondariz

Mondariz acaba de transformar dous espazos moi relevantes a súa veciñanza ao abeiro do Plan Concellos. Cun investimento total de 70.774 euros, a institución provincial deu un impulso aos servizos que ofrece o concello do Condado coa construción dun parque infantil cuberto e a instalación do tellado no local social de Toutón. As obras foron visitadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Emilio Barros, acompañados da deputada Victoria Alonso e varias persoas integrantes do Goberno local.

Santos Héctor felicitou ao alcalde e ao seu Goberno por ambas as dúas actuacións e destacou a actuación no parque infantil, que cofinancia a Deputación. "É un dos primeiros de Galicia cubertos e, ademais, un espectacular salto de calidade na oferta lúdica para as/os máis cativas/os". "Unha magnífica idea", remarcou. O deputado amosou tamén a satisfacción da Deputación tras comprobar que o investimento do Plan Concellos "fixo posible que a veciñanza de Mondariz teña dous elementos que precisaba". "A colaboración da Deputación cos concellos é fundamental para que os concellos poidamos sacar adiante pequenos proxectos e iniciativas que redundan na calidade de vida da veciñanza" destacou Xosé Emilio Barros.

O alcalde de Mondariz fixo fincapé en que neste caso, sen a axuda da institución provincial non sería posible financiar actuacións como "a obra histórica da cuberta do local social de Toutón, que levaba preto de 30 anos sen facerse" e que agora constitúe "un local perfectamente disposto para a veciñanza". Agradeceu tamén a visita, e amosou o seu interese por "seguir traballando en novos proxectos e obras".

Á vangarda dos parques infantís

O Concello de Mondariz súmase á corrente dos parques infantís cubertos, unha solución que garante o seu emprego cando as condicións meteorolóxicas son adversas. Os traballos executados no parque da Ovella, nos que se investiron 48.399 euros, aumentaron o lugar dispoñible para o ocio infantil. O parque compartía espazo ata de agora con aparatos "biosaudables" que apenas tiñan uso, polo que se procedeu á súa substitución. Agora o parque é un moderno parque infantil que ofrece os mellores servizos para as familias de Mondariz. A maiores retiráronse os antigos arrandeadoiros para colocar elementos máis modernos e instalouse un tobogán nun montículo de caucho ao que se accede a través dunha zona de escalada. Tamén hai unha randeeira con cesta, entre outros. Ademais, levouse a cabo a pavimentación de caucho en toda a área infantil, colocouse un sebe vexetal para ocultar a zona de compostaxe comunitaria e instalouse un cartel informativo cos usos do parque. En total, actuouse nunha superficie de 104 metros que agora contan cunha cuberta a base de panel de policarbonato e de panel tipo sándwich. Mondariz gaña así un espazo de referencia par ao lecer das crianzas.

Doutra banda, as veciñas e veciños de Toutón xa gozan dun espazo con condicións de habitabilidade para a súa reunión e emprego comunitario. O seu local social non dispoñía de cuberta e estaba pechado polo forxado, o que traía consigo a filtración de auga e humidade no seu interior. Co obxectivo de darlle un aspecto de edificación totalmente rematada e acabar con estes problemas, construíuse un tellado inclinado, colocáronse tellas de ventilación, instaláronse canelóns e baixantes en chapa de aluminio de cor cobre, colocouse unha cámara de aire impermeabilizada entre os seus frontes curtos (que tamén se revestiron e pintaron) e, finalmente, procedeuse á limpeza e saneado das humidades e ao pintado. O orzamento foi de 22.375 euros.

A Deputación leva investidos máis de 7,1 millóns de euros no concello de Mondariz desde 2015. A abeiro do Plan Concellos, o municipio puido levar a cabo en torno a 20 obras e contratar a máis de 90 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais a cargo da Liña 3 de Emprego. Ademais, a institución provincial fixo posible a transformación do campo de fútbol da Lagoa (Plan Reequilibrio) e a mellora da mobilidade e seguridade viaria no seu centro urbano (Plan DepoRemse). Este ano, dentro do seu compromiso cos municipios, a Deputación destina 531.801 euros con cargo ao Plan Concellos para o municipio do Condado.