Noticias

Mosquera: "dentro de pouco todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe"

A ‘Facultade da compostaxe' abriuse hoxe coa subdirectora de residuos do Ministerio para a Transición Ecolóxica


13 maio 2019
Faladoiros de compostaxe

"Dentro de pouco todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe". Así o manifestou hoxe o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nun faladoiro sobre no que explicou o proxecto do Concello de Pontevedra para compostar os seus biorresiduos e o Plan Revitaliza que a Deputación está a implantar na provincia.

Mosquera destacou que a compostaxe "é imparable" e que Pontevedra se está a consolidar como unha referencia a seguir por outras administracións, incluíndo o propio Ministerio de Transición Ecolóxica, ou administracións catalanas, navarras e do País Vasco que eran punteiras ata hai poucos anos, pero que agora teñen a súa vista posta en Pontevedra polo seu avance na compostaxe comunitaria e por como se aborda a xestión do lixo dende un enfoque poliédrico, tocando aspectos técnico-formativos, sociais e comunicativos.

O vicepresidente lembrou que o Revitaliza e o plan ‘Pontevedra composta' naceron como un proxecto voluntario, mais subliñou que a nova normativa europea e española en materia de residuos está a facer de ambos plans unha ferramenta indispensable para poder cumprir cos obxectivos. Hai que lembrar, de feito, que as directivas europeas sinalan que no 2020 será obrigatorio recoller e tratar de maneira separada o 100% dos biorresiduos municipais (restos de comida e vexetais) e preparar para reciclar alomenos o 50% da bolsa do lixo.

"Poucas cidades do Estado están preparadas para cumprir estes obxectivos. Nós imos adiantados, temos un modelo claro", sinalou, destacando tamén a implicación da cidadanía que a día de hoxe está a colaborar de maneira moi significativa tanto na posta en marcha dos centros de compostaxe comunitaria como no uso de composteiros individuais no caso de vivendas con horta. Neste sentido subliñou que a día de hoxe están instalados na provincia 116 centros de compostaxe comunitaria en 30 municipios, sendo o de Pontevedra onde máis composteiros hai, e onde se están a repartir máis de 8.000 composteiros individuais, distribución que comezou pola parroquia de Tomeza.

Facultade da compostaxe     
No mesmo sentido que César Mosquera abriu hoxe o curso a Subdirectora Xeral de Residuos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Margarita Ruíz Saiz-Aja no acto de apertura da ‘Facultade da compostaxe' que se celebrou pola tarde en Príncipe Felipe.

Ruíz Saiz explicou a normativa estatal falando do PEMAR e do Plan de Prevención de Residuos, ademais da guía de compostaxe que recentemente editou o Ministerio en materia de compostaxe –e que recolle especificacións propias do traballo feito en Pontevedra-.  Ademais da subdirectora tamén impartiu hoxe clase a técnica de Medio Ambiente de la Deputación de Pontevedra, María Martínez Abraldes.

As xornadas seguintes de formación serán sobre ‘Ordenanzas municipais e taxas de residuos', a cargo de Sergio Sastre Sanz (Consultor ambiental en ENT); ‘A experiencia de Ecocelta', a cargo de Sergio Quiroga -Director executivo de Ecocelta Galicia S.L.-; ‘SOGAMA', a cargo de María Martínez Abraldes; e ‘Marco normativo/lexislativo galego', a cargo de Lucía Pazos Alfonso, do Servizo de Residuos da Xunta de Galicia.

Programación do curso (pdf)

Fotos