Noticias

Mozart e Brahms, protagonistas do concerto que a Filharmónica de Pontevedra dará no castelo de Sobroso dentro do programa "Música no ar"

O concerto, organizado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar o martes 11 de agosto, ás 19 horas, en Mondariz e contará co cuarteto de corda e instrumentos de vento


10 agosto 2020
Musica no ar

O "Quinteto con clarinete en La maior, k. 581" de Mozart e o "Quinteto para clarinete en Si menor, op. 115" de Brahms serán as obras que a Filharmónica de Pontevedra interpretará no castelo de Sobroso, no concello de Mondariz, o martes 11 de agosto, ás 19 horas, dentro do programa de dinamización cultural impulsado pola Deputación "Música no ar". O concerto, que seguirá todas as novas medidas de seguridade derivadas da COVID-19, terá límite de capacidade, para garantir a distancia de seguridade entre as persoas, e será obrigatorio o uso da máscara.

Deste xeito, o cuarteto de corda da Filharmónica de Pontevedra, composto por Sergio Heredia (violín), Carmen Gallego (violín), Alba Novoa (viola) e Carme Tubío (violonchelo), sumarase á actuación do clarinetista Francisco Javier Morgade para interpretar as dúas pezas. Este conxunto musical, de longa traxectoria, nace en Pontevedra e está conformado por profesionais do ámbito musical cunha consolidada experiencia no mundo da interpretación e da docencia.

A obra a interpretar de Mozart destaca pola súa similitude co Concerto para clarinete do mesmo compositor, posto que a tonalidade usada é a mesma e entre ambas existe semellanza no desenvolvemento do contido musical. Ademais, outra das características relevantes deste quinteto é o paralelismo e o equilibrio nas relacións entre instrumentos, no xogo de pregunta e resposta que o virtuoso da composición realiza con mestría. A peza de Brahms, pola súa banda, posúe un amplo recoñecemento dentro do repertorio de música de cámara. A impresión que deixou no público da época foi profunda pola súa capacidade de retrospección e os seus tons delicadamente contidos e melancólicos.

"Música no ar", enmarcado dentro do amplo programa cultural deseñado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020, máis concretamente do plan provincial "Re-Acción cultural", que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, procura espallar a cultura por toda a provincia, divulgar a música de cámara de xeito gratuíto e poñer en valor a todas aquelas persoas que se dedican con talento, paixón e virtuosismo á renovación do xénero musical.

Así pois, na presente semana terán lugar dúas citas máis ó abeiro deste programa. A primeira delas terá lugar o venres 14 de agosto, ás 19:30 horas, no mosteiro de Poio, onde o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra ofrecerá un concerto. Pola súa banda, o domingo 16 de agosto, ás 20 horas, terá lugar un concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo na Carballeira de Caldas de Reis. Tódalas actuacións deste e o resto dos programas culturais da Deputación terán lugar con capacidade limitada e estrito protocolo anti-COVID-19 para garantir a seguridade das persoas asistentes.