Noticias

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" formula en Caldas de Reis que a igualdade é a primeira saída contra a violencia machista

Máis dun centenar de persoas acudiron á performance de María Roja "Can Cancela Calafrío", acción escénica que utiliza "a arte como loita fronte o terrorismo de xénero"


03 xullo 2017
Violencia Zero en Caldas

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey Rey, asistiron este luns en Caldas de Reis a unha nova obra de arte do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", proxecto impulsado polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra pensado para dar visibilidade á loita contra a violencia machista, así como para dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade. En relación ao proxecto, Carmela Silva explicou que "con esta iniciativa reivindicamos a loita contra a violencia machista, a través de mulleres artistas que teñen un grande recoñecemento a nivel nacional e internacional. Desde a Deputación de Pontevedra queremos lanzar unha mensaxe clara e contundente contra unha das lacras máis terribles que sufrimos no noso país."

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionan como arma de visibilización e de reflexión para promover unha sociedade igualitaria, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións son organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero. En verbas de Carmela Silva na praza das Palmeiras de Caldas de Reis: "é necesario facer un chamamento global para que isto remate xa. Temos que dotar de recursos para que na educación sexa un dos temas prioritarios e eduquemos en igualdade; temos que dotar de máis recursos á xustiza e á policía. Preto de 40 mulleres foron asasinadas nestes primeiros 6 meses de 2017. Isto non cesa, senón que aumenta e non o pode consentir unha sociedade que quere ser decente e democrática. Sen igualdade non hai democracia."

Máis dun centenar de persoas presenciaron en Caldas de Reis a actuación de María Roja, "Can Cancela Calafrío", acción escénica sobre a violencia machista pensada para espertar conciencias. "Cando me formularon este proxecto dubidei si aceptalo ou non porque eu vivín moi de preto esta violencia machista, este terrorismo de xénero, e isto levábame a traballar por momentos cunha dor insufrible. Ao final decidín participar para alzar a miña voz a través da arte e reivindicar a loita fronte a violencia machista", afirmou a artista despois da performance.

María Roja é unha artista visual e performer licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e titulada superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. A súa obra amosouse en exposicións e festivais organizados en galerías, museos e espazos alternativos de Galicia, España, Portugal, Grecia, Taiwán, Uruguai, Colombia, Chile, Brasil, Honduras, México, Ecuador, Santo Domingo, Arxentina ou Perú. Amais é cofundadora do Fato Bicéfalo Ohn e dos colectivos áIntemperie e Blanco&Roja, proxectos situados no campo da arte de acción experimental.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, e ten previsto recalar ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

Fotos


Novas relacionadas

Mulleres en Acción

19 decembro 2017, mos, violencia zero, mulleres en acción
Mulleres en acción. Violencia Zero

02 xullo 2017, violencia zero, mulleres en acción, mujeres, contra a violencia machista, mujeres en acción
Violencia Zero en Baiona

07 xullo 2017, igualdad, igualdade, violencia zero, contra a violencia machista, violencia zero 2017