O proxecto piloto de intervención artística no rural “Mulleres Extramuros” remata en Cortegada (Silleda) e achegarase a toda a provincia

Carmela Silva: “Non hai ningún proxecto así, único, integral, global e con esta idea de presente e futuro en todo o Estado nin en Europa, que levaremos a toda a provincia”

12/07/2022

Mulleres extramuros

“Non vai ser posible loitar contra o despoboamento do rural sen proxectos que nazan de mulleres e conten coas mulleres” asegurou a presidenta da Deputación Carmela Silva ao referirse a “Mulleres Extramuros”, a iniciativa piloto que está a piques de rematar en Cortegada (Silleda) para poñer freo á perda da poboación a través da arte e da man de mulleres creadoras. Carmela Silva, acompañada do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e da coordinadora da iniciativa, Xoana Almar, destacou que “non hai ningún proxecto así, único, potente, integral, global e con esta idea de presente e futuro, en todo o Estado nin en Europa”, e avanzou que este sábado, 16 de xullo, finalizará en Cortegada “cunha grande celebración na que sentirnos moi orgullosas da historia e creatividade das mulleres”, para exportarse despois ao resto da provincia.

“Mulleres Extramuros” ten por obxectivo “encher de vida o rural” a través da intervención artística que “ten unha enorme capacidade de transformar e de atracción de visitantes, de facer que os lugares onde se instalen os murais sexan lugares de interese”. Neste proxecto, que continuará noutras aldeas doutros concellos, participaron sete artistas de Galicia, España e Portugal que en marzo conviviron durante unha semana coa veciñanza de Cortegada, “compartindo momentos, creando, traballando xuntas, inspirándose nas súas historias, vivencias, lendas para, a partir deste traballo colaborativo, regresar logo aos seus puntos de orixe e elaborar os proxectos de intervención artística”. Este mes de xullo as artistas regresaron a Cortegada para elaborar, in situ, os seus proxectos artísticos que agora mesmo están rematando e van ser inaugurados este sábado.

“Será un día de festa”, asegurou Carmela Silva quen avanzou que os actos, conducidos pola presentadora e actriz Neves Rodríguez, comezarán na carballeira da capela dos Aflixidos, onde se inaugurará a exposición que recolle os procesos artísticos de “Mulleres Extramuros” e, a continuación, realizarase un percorrido pola parroquia para visitar as obras realizadas, da man das artistas e da veciñanza. Posteriormente, as persoas que acudan ao acto de inauguración terán a oportunidade de coñecer o proxecto de emprendemento no rural “Trasdeza Natur” e, para finalizar, regresarase á carballeira da capela dos Aflixidos onde haberá un peche musical a cargo de Bouba Pandereteiras e degustación de paella para enxalzar a “Festa da Paella” que acolle cada ano esta parroquia rural. Tamén adiantou a presidenta que a finais de outubro terá lugar a presentación dun catálogo das intervencións artísticas e un vídeo-resumo de “Mulleres Extramuros” e que xa se está a traballar co fin de “deseñar un itinerario interactivo na parroquia, con diferentes soportes físicos e virtuais, así como de difundir o proxecto a través dun catálogo-libro e da produción dun audiovisual”.

Pola súa banda o alcalde Manuel Cuíña, que recordou as actuacións desenvolvidas polo goberno local para gañar poboación “como fixemos”, nos últimos cinco anos, agradeceu á Deputación o feito de escoller Silleda para “ser o primeiro concello en acoller esta iniciativa”. Cuíña subliñou o traballo que se está a desenvolver en Cortegada, enxalzou “a complicidade” acadada entre veciñas e artistas e adiantou que “Mulleres Extramuros” “vai ser copiada, porque é unha iniciativa excelente”. Tamén amosou o seu compromiso para conservar os murais e adiantou que “imos multiplicalos ano tras ano porque o proxecto é marabilloso”.

A artista coordinadora, Xoana Almar, remarcou o carácter “coidado” da iniciativa, tanto na selección de artistas como no seu compromiso coa contorna. Pero no que máis fixo fincapé foi no tempo proporcionado para a parte documental e o bosquexo, pouco habitual no muralismo. “Tivemos tempo de traballar a documentación, comezamos a reunirnos coa veciñanza, falando coas veciñas, coñecer as súas historias… foron moi receptivas ata o punto de que tiñamos tantos espazos nos que pintar que houbo que elixir”, asegurou. Tamén remarcou o tempo “enriquecedor” de convivencia entre as artistas.

As protagonistas e os seus proxectos

As protagonistas de “Mulleres Extramuros” son as sete mulleres artistas que durante estes meses interactuaron coas mulleres da aldea de Cortegada tamén protagonistas do proxecto. Virginia Bersabé (Córdoba), Laura Iturralde (Vigo), Lula Goce (Baiona), Xoana Almar de Cestola na Cachola (Santiago), Tamara Alves (Portugal), Basilisa Fiestras (Forcarei) e Ness Morais (Silleda) conviviron na aldea silledense empapándose das súas tradicións, lendas e historias para plasmalas nos seus proxectos de intervención artística.

Así Virginia Bersabé ten elaborado un proxecto denominado “Ritual de coidados e recolección” centrado na memoria, na pel e na identidade da muller da aldea que está a desenvolver no lateral superior externo da casa e lugar de traballo de María José Tallón e Rosendo Estévez, propietaria e propietario de “Trasdeza Natur”. Pola súa banda Laura Iturralde ten creado “A Fenda”, unha instalación “site-specific” que dialoga co espazo a través da técnica dos “espellos infinitos” para integrarse nas historias e lendas do lugar que, ata hoxe, ten conservada a tradición oral. En concreto, Iturralde parte das lendas dos “mouros”. No caso de Lula Goce, o proxecto chámase “A nena de vermello”. Trátase dunha homenaxe á cativa que acompañou ás artistas na aldea, que representa o presente e o futuro da aldea nun momento no que a maioría da mocidade abandona o rural.

Xoana Almar, de Cestola na Cachola, ten creado “Feira e festa”, na carballeira a carón da Igrexa dos Aflixidos, onde se celebran as festas da aldea. Está elaborado coa técnica do esgrafiado e representa escenas de festa e tradicións galegas. Pola súa banda Tamara Alves ten elaborado “Teu corpo é de terra e auga”, que representa a unha muller na contorna natural e foi elaborado co obxectivo de integrar a peza na paisaxe, convivindo cos animais, observando á veciñanza pasar dicíndolles “recíbovos na miña terra, no meu corazón”.

A forcareicense Basilisa Fiestras ten elaborado o proxecto “Do mínimo ao infinito”, que representa pedras recompiladas en Cortegada nunha intervención principal a gran escala, que se pintará sobre un caseto de formigón, e 15 pequenas pinturas en diferentes localizacións  da aldea. No caso de Ness Morais, o seu proxecto amosa á muller do rural como a protectora da cultura tradicional galega, tanto da sabedoría relacionada coa natureza, como da tradición musical.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.