María José Pulido dedica en Fornelos o seu mural “adiante” á muller que avanza “e fai avanzar o mundo” na nova acción de “Violencia Zero”

A artista decora un espazo no Centro Deportivo do concello cunha obra que tamén alude ao feito de “camiñar xuntas en sororidade” e que realizou coa colaboración das integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza

29/06/2022

Fornelos Mulleres en acción

A artista María José Pulido Cid rende homenaxe en Fornelos “á muller que avanza e fai avanzar o mundo” como nova acción do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación. “Adiante”, que así se titula a obra, reivindica deste xeito á muller que se sae do camiño do preestablecido, “que camiña e se sobrepón” e tamén ao feito de “avanzar xuntas en sororidade”. A deputada provincial de Igualdade e Cultura, Victoria Alonso, e o alcalde de Fornelos, Emiliano Lage, inauguraron este mércores o mural de 13 x 4,5 metros que xa decora un espazo no Centro Deportivo do concello.

A creadora, que desenvolve unha polifacética traxectoria que abrangue desde a ilustración e o deseño ata os murais, sinala que o seu traballo, no que destacan debuxados uns grandes pés en movemento en cor amarelo, “é unha homenaxe á muller que camiña e fai avanzar o mundo cara ao futuro, pero sen esquecer o pasado”, cara “un feminismo integrador e disidente”. Pulido definiu o traballo como “colectivo” e agradeceu neste senso a colaboración que para pintar o mural tivo das integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza de Fornelos, que traballaron xunto a ela nestas pasadas xornadas e estiveron hoxe presentes no acto de inauguración.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves e Redondela e Salceda, a de Fornelos é a décimo quinta acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continúa a expandir a loita feminista nos concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa continuará visibilizando o talento das mulleres e o seu poder transformador contra a violencia sobre as mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en A Guarda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes