A fachada da pisicina municipal da Cañiza énchese de cor e reivindicacións feministas da man do programa da deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

A imaxe das mulleres de tres xeracións xa se pode ver na fachada principal da recentemente rehabilitada piscina municipal da Cañiza.

27/03/2023

Mural en A Cañiza. Mulleres en Acción. Violencia Zero.

Son as que conforman o mural “FILIA/EGO/MATER”, que a ilustradora, publicista e escritora catalá Amaia Arrazola rematou de pintar esta fin de semana como nova acción artística do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción, Violencia Zero”. Segundo  a artista, a imaxe é unha reflexión das idades da muller, sobre o paso do tempo, sobre a súa filla, sobre si mesma e sobre a súa nai. Tamén sobre a imaxinación, o corpo, a maternidade e a liberdade a través do seu propio universo e a súa linguaxe. Desta maneira, as tres imaxes das diferentes xeracións mostran desde a inocencia, o xogo, os estímulos visuais da súa filla Ane; ata o seu retrato, tratando temas de sexualidade, a perda da liberdade, a maternidade, etc., para rematar na súa nai, unha imaxe na que fala de madurez, da xuventude perdida e da protección total da familia.

Co lema é “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas” a Deputación desenvolve este ano o programa en Pontevedra, Vigo, Barro, As Neves, O Grove e Nigrán, onde xa se celebraron as accións, e continuará ao longo do ano nos concellos de Arbo, Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia. Nos últimos 7 anos e a través do programa impulsáronse máis de 160 accións artísticas. Nesta oitava edición 35 artistas realizarán outras 25 iniciativas colaborativas e reivindicativas a través das modalidades de performance, danza, música, teatro, muralismo, poesía e audiovisual.