O Museo afonda na mostra Sombras Atlánticas con obradoiros de retrato fotográfico e sesións introdutorias ás claves da exposición

Ábrese a inscrición para as actividades, dirixidas a público adulto e menores de máis de 12 anos, que se celebrarán os sábados 19 e 26 de novembro e o 10 de decembro

08/11/2022

Sombras Atlánticas

O Museo de Pontevedra organiza actividades paralelas á exposición ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, a mostra fotográfica de Anxo Cabada que se inaugurou o venres pasado. A partir desta semana, cada xoves ás 18.00 horas, o equipo educativo do Museo ofrecerá ás e aos visitantes ‘claves da exposición’, unha introdución ao proxecto expositivo realizada na propia sala para facilitar unha mellor comprensión da mostra.

Os próximos sábados 19 e 26 de novembro e 10 de decembro, o Museo acollerá tres obradoiros de retrato fotográfico, impartidos por Luis Pereira. Trátase dun obradoiro de ‘retrato resolutivo’. O obxectivo é que as persoas participantes obteñan un método de traballo efectivo para retratar de maneira resolutiva e co menor equipo posible, aproveitando ao máximo a luz dispoñible.

O obradoiro ten unha duración de catro horas, con dúas partes: na primeira, trabállase de maneira práctica para explicar un método de traballo conciso e útil cun equipo mínimo: composición, comprensión da luz, dirección e interacción coa persoa retratada.... Na segunda parte visualízase e analízase o cartafol realizado, para afianzar un método de traballo rápido, cómodo e eficaz.

A inscrición aos obradoiros, que se desenvolven de 10.00 a 14.00 horas, pode facerse a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal. Hai dez prazas dispoñibles para cada sesión, dirixidas a público adulto e menores a partir de 12 anos.

De impartir os obradoiros encargarse Luis Pereira, fotógrafo de Cesantes con máis de 20 anos de experiencia. Iniciouse na fotografía de maneira autodidacta, completando a formación en talleres con grandes profesionais da fotografía. Participou en varias exposicións colectivas en lugares como Madrid, Vigo, A Coruña ou París e publicou tres libros: ‘Luis Pereira (2018), ‘Seremos un frágil recuerdo’ (2020) e ‘Sobre lo esencial’ (2022).

 

Sombras atlánticas

A exposición ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, reúne 34 retratos fotográficos de Anxo Cabada a artistas protagonistas do devir da pintura e a escultura en Galicia nos últimos 50 anos. A mostra inaugurarouse o venres 4 de novembro e estará aberta no Edificio Castelao ata o 15 de xaneiro.  

Cabada retratou en branco e negro a artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia. As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.

Na mostra atópanse creadores que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo, Acisclo Manzano ou Buciños, e aos que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica, que na década dos 80 contribuíu a reactivar as artes plásticas en Galicia e darlles presenza no exterior: Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Xosé Freixanes, Xabier Correa Corredoira, Ignacio Basallo, Din Matamoro... Tamén aos continuadores da renovación da escultura galega, como Francisco Leiro, Soledad Penalta ou Manolo Paz.

Naquelas xeracións a visibilidade de mulleres artistas era reducida, algo que cambiou nas últimas décadas e que queda ben reflectido nesta mostra, na que case a metade dos retratos son de mulleres artistas, como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Tatiana Medal, Lula Goce, Elena Fernández Prada  ou Sula Repani.

Anxo Cabada, fotógrafo e profesor, é natural de Sabucedo (A Estrada). Leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como, entre outras, o mar en ‘Mareagrafías’ (2005), a terra en ‘Terragrafías’ (2009) e as vilas galegas en ‘Vilagrafías’ (2012), unha proposta literario-fotográfica. En ‘O imaxinario do país’ (2018) Cabada retratou as escritoras e escritores galegos, un proxecto que precedeu este “Sombras atlánticas’, centrado agora nos e nas que crean a beleza, os e as artistas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.