Un proxecto didáctico itinerante achegará o patrimonio do Museo de Pontevedra a alumnado de primaria de cinco escolas no Camiño Portugués

Barro, Catoira, Ponte Sampaio, Pontecesures e Cesantes serán as localidades acolledoras da iniciativa ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’

13/09/2022

Museo en Camiño

Este venres 16 de setembro arranca o proxecto ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’, unha iniciativa que busca dar a coñecer ao alumnado de Primaria o patrimonio que atesoura o Museo de Pontevedra e reforzar o papel do Camiño de Santiago como eixo vertebrador de cultura.

O proxecto, que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro, é unha iniciativa de ‘Taller Abierto’ e ‘Paspallás’ en colaboración co Museo de Pontevedra e forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia. A proposta deste ano dá continuidade a unha primeira fase que se desenvolveu xa en 2021.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou hoxe que “nos museos actuais a transferencia de ideas, de emocións e de experiencias non só se limita ao propio espazo físico do museo, senón que debe abrir as portas e traspasalas para chegar a outros públicos. Está é en esencia a vontade deste proxecto”.

Rey explicou as liñas básicas da iniciativa. “Por unha parte o Museo itinerante sae a percorrer o Camiño no seu formato portátil dando a coñecer algunha das mostras máis relevantes das súas coleccións, levando as súas actividades a cinco centros escolares da provincia. Por outra, o Camiño achégase ao Edificio Castelao para reforzar a importancia das súas coleccións e o papel de Pontevedra como un dos principais enclaves do Camiño Portugués, a través da realización dunha serie obradoiros para público familiar e unha exposición de fin do proxecto que amosará os seus resultados”.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez, agradeceu a ‘Taller Abierto’, ‘Paspallás’ e o Museo de Pontevedra que lle deran continuidade a un proxecto do que resaltou a súa calidade. López puxo o acento no feito de que “nesta iniciativa se mesturan tres cousas fundamentais: o Camiño, os valores do Museo e a ensinanza”.

Concepto de ida e volta

África Martínez, de Taller Abierto’, e Raquel Queizás, actriz e contadora de historias, explicaron o proxecto en detalle. Trátase dun programa didáctico itinerante que pretende achegar o patrimonio do Museo Provincial de Pontevedra a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués, reforzando o papel do Camiño como eixo vertebrador de cultura. Comezará este venres 16 de setembro en Barro e chegará despois a Catoira (21 de setembro), Ponte Sampaio (29 de setembro) e xa en outubro a Pontecesures e Cesantes.

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria de centros educativos destas localidades recibirá a visita de Raquel Queizás, que fará unha representación teatral baseada na escolma de pezas representativas da colección do Museo. Dunha maneira innovadora, a rapazada achégase a un anaco de patrimonio que viaxa pola ruta xacobea para poñelos en contacto con partes da súa propia historia que descoñecen. O alumnado participante recibirá un prego didáctico ilustrado con información do Camiño de Santiago e do patrimonio máis representativo do Museo de Pontevedra.

Cada unha das pezas da escolma feita para este museo itinerante contará cunha unidade didáctica a disposición dos centros educativos na web do Museo. Estas fichas didácticas dan instrucións de traballo para levar a cabo unha práctica plástica que entronca cos contidos do currículo de Primaria.

Obradoiros no Museo

Por outra banda, no mes de outubro, desenvolveranse no Edificio Castelao unha serie de obradoiros artísticos de tipo experimental orientados a público familiar (público novo máis maiores) que pretenden dar a coñecer o Camiño de Santiago.

Ao remate do programa producirase un material expositivo que se amosará no Museo de Pontevedra para explicar o traballo feito e pechar o círculo: o caixón regresa ao seu punto de partida espallando na orixe todo o aprendido na súa viaxe.

Ligazóns de interese