O Museo organiza un obradoiro de iniciación á cerámica coa artista Nuria Rodríguez Figueiredo, gañadora dunha das bolsas de ‘Novos Valores’ en 2020

As prazas dispoñibles esgotáronse en hora e media tras o anuncio nas redes sociais e estase a valorar celebrar sesións coas persoas en agarda

24/05/2022

Nuria Figueirido

O Museo de Pontevedra realizará durante o mes de xuño un obradoiro de iniciación á cerámica para adultos da man da artista Nuria Rodríguez Figueiredo, gañadora dunha das catro bolsas do certame Novos Valores de 2020. O éxito da iniciativa foi tal que apenas unha hora e media despois de anunciar a actividade nas redes sociais da institución as prazas xa estaban completas.

Cabe a posibilidade de que as persoas interesadas se anoten nunha lista de agarda e non se descarta ampliar o número de prazas e de sesións de cara ao verán. As inscricións deben facerse en reservas.museo@depo.gal.

O obradoiro preséntase como un primeiro achegamento á cerámica. Durante catro sesións as persoas participantes explorarán diferentes técnicas de construción (churro, prancha, belisco), coñecerán os estados da arxila, o secado, e experimentarán con diferentes cubertas, as térreas e os vidrados. Fabricaranse engobes e tamén se descubrirán diferentes técnicas de aplicación para decorar as pezas e logo cocelas. A planificación do obradoiro inclúe catro sesións: os xoves 2,9, 16 e 30 de xuño de 18.30 horas a 20.30 horas.

Nuria Rodríguez Figueiredo foi unha das gañadoras das catro bolsas do certame Novos Valores en 2020 coa creación ‘Voltar’, unha creación escultórica de cerámica vidriada. A autora, xa participante noutras edicións de Novos Valores, pretendía lembrar coa peza un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo “dunha infancia perdida no tempo”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.