O Museo organiza un obradoiro con motivo da Feira Franca para achegar á rapazada o papel dos cabaleiros no mundo medieval

A actividade está dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos e terá lugar os días 1 e 2 de setembro

25/08/2022

O Museo de Pontevedra vai retomar os seus tradicionais obradoiros con motivo da Feira Franca logo do parón dos dous anos anteriores motivado pola COVID. Nesta ocasión o fío condutor  da actividade será o papel dos cabaleiros no mundo medieval. Mañá venres día 26 abrirase o prazo de inscrición, que respectará a orde de chegada das solicitudes.

Como cada ano será o gabinete didáctico do Museo o que se encargará de poñer en marcha a iniciativa. Desta volta a cativada descubrirá o papel dos cabaleiros no mundo medieval e outras curiosidades sobre súa indumentaria ou a súa formación a través da figura do emblemático Sueiro Gómez de Soutomaior, cuxo sepulcro pode visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A actividade xirará en torno a confección dun disfrace co que as nenas e nenos participantes poderán converterse “en valentes e leais cabaleiros”.

Realizaranse dous obradoiros: un o día 1 de setembro e outro o día 2, en horario de 11.30 a 13 horas con 15 prazas por sesión. A inscrición debe facerse a través de correo electrónico no enderezo reservas.museo@depo.es. Os datos necesarios para a correcta reserva son o nome e apelidos do neno ou a  nena, a idade, e un número de teléfono de contacto da persoa responsable.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.