O Museo súmase á Placemaking Week Europe Pontevedra con obradoiros de arquitectura para nenas e nenos e visitas guiadas

Os obradoiros, dirixidos a público de 6 a 12 anos, celebraranse os días 27, 28, 29 e 30 de setembro de 17.00 a 19.00 horas

22/09/2022

Intramuros

O Museo de Pontevedra ofrecerá varias actividades dentro da programación do Placemaking Week Europe Pontevedra, un encontro-festival arredor do espazo público a mobilidade que se celebrará na cidade do 27 ao 30 de setembro. As persoas participantes realizarán visitas guiadas ao Museo e ás escavacións arqueolóxicas que se están a acometer no convento de Santa Clara. Ademais, ofreceranse unha serie de obradoiros dirixidos a nenas e nenos de 6 a 12 anos.

Co título “Intramuros”, este programa de obradoiros desenvolverase os días 27, 28, 29 e 30 de setembro, de 17.00 a 19.00 horas. Son catro sesións independentes para as que xa está aberta a inscrición no correo electrónico contacto@tallerabierto.info. O programa busca dar a coñecer o valor do patrimonio arquitectónico e urbanístico da cidade de Pontevedra con actividades situadas entre o xogo e a plástica.

Nos obradoiros reinterpretarase o tecido urbano e a arquitectura vernácula co fin de coñecer a importancia do Museo de Pontevedra na cidade. As fins do obradoiro son coñecer mellor o Museo, promover o coñecemento da nosa historia e desenvolver o sentido da observación, espertando nas nenas e nenos participantes o interese pola arquitectura.

 A primeira sesión, o martes 27 de setembro, leva como título “A vista de paxaro”: nun itinerario aéreo as nenas e nenos participantes coñecerán as trazas da muralla e as distintas formas que toma a cidade.  A sesión do mércores 28, co título “Habitando formas xeométricas”, traballará os espazos que nos rodean simplificándoos para reducilos á súa forma esencial.

O xoves 29 terá lugar a terceira sesión, co título “Rastros e restos”: un achegamento á superposición de capas nas que as distintas etapas históricas van deixando a súa pegada sobre a trama urbana. O venres 30 celebrarase a cuarta e última sesión “Completando o crebacabezas”, na que as nenas e nenos participantes verán como contemporaneidade e tradición conviven poñendo como exemplo o diálogo arquitectónico entre o edificio Sarmiento e o edificio Castelao. 

Noticias relacionadas

 
		Un simposio no Museo de Pontevedra presentará documentais inéditos de Carlos Velo sobre o exilio en México

Un simposio no Museo de Pontevedra presentará documentais inéditos de Carlos Velo sobre o exilio en México

As xornadas ‘O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México’ celebraranse os días 4 e 5 de outubro, con conferencias, proxeccións e un recital poético

 
		O director do Museo intervén nun curso sobre conservación de arte rupestre da Universidad Internacional Menéndez Pelayo e ICOMOS

O director do Museo intervén nun curso sobre conservación de arte rupestre da Universidad Internacional Menéndez Pelayo e ICOMOS

José Manuel Rey fala hoxe en Huesca da ‘Xestión integrada dos gravados rupestres ao aire libre: experiencias inspiradoras en Europa’

 
		Unha mostra da Bienal Internacional de Arte de Cerveira reunirá no Museo de Pontevedra a obra de quince artistas de Portugal e Brasil

Unha mostra da Bienal Internacional de Arte de Cerveira reunirá no Museo de Pontevedra a obra de quince artistas de Portugal e Brasil

A exposición inaugurarase no Edificio Sarmiento este xoves 22 de setembro ás 19 horas e poderá visitarse ata o 20 de novembro

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 23 resultados.