O Museo acolle a 25 edición de Voilà La Femme, a mostra con máis traxectoria do estado sobre “problemáticas que nos afectan ás mulleres”

25 artistas reflexionan sobre conceptos como o corpo, a sexualidade, a violencia, relacións de parella, roles de xénero, maternidade ou identidade

19/05/2022

Santa Clara

O Museo acolle ata o vindeiro 10 de xullo a 25 edición de ‘Voilà La Femme’, a mostra con máis traxectoria centrada en arte e xénero do Estado que acolle “problemáticas que nos afectan ás mulleres”. Medio cento de obras de 25 artistas reflexionan sobre conceptos e temáticas “que nos afectan ás mulleres”, segundo as comisarias Yolanda Herranz e Celeste Garrido: o corpo, a sexualidade, a violencia, relacións de parella, roles de xénero, maternidade, os coidados e a dependencia, a identidade, o interracial, a interculturalidade, as condicións laborais ou o tránsito do privado ao público.

’25 Voilà la femme’ é unha invitación para percorrer os máis de 25 anos de historia dunha mostra centrada en cuestións de xénero que naceu o 8 de marzo de 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín como unha necesidade de reivindicar a presenza das mulleres no ámbito da creación artística. Dende entón ata a actualidade a mostra contou coa participación de máis de 200 artistas vencelladas a Galicia. Neste aniversario dáse testemuño da pluralidade das prácticas artísticas realizadas dende os anos 90 no país, “contextualizando e poñendo en valor o panorama artístico galego coa realidade estatal e internacional”.

Nas salas do Edificio Castelao pódense ver dende hoxe os traballos de Menchu Lamas Pérez, Yolanda Herranz Pascual, Celeste Garrido Meira, Ánxeles Iglesias Charlín, Carme Nogueira Alonso, Carmen Hermo Sánchez, Mar Vicente Souto, Sara Sapetti, Reme Remedios Fernández, Sonia Tourón Estévez, Mª Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, Ana Gil Rodríguez, Basilisa Fiestras Cachafeiro, Noemí Lorenzo Pérez, Beatriz Sieiro Caramés, Nuria Ruibal García, Itziar Ezquieta Llamas, Ofelia Cardo Cañizares, Gema López González, Isabel Alonso Vázquez, Mery Pais Domínguez, Colectivo LAG, Raquel Blanco Iglesias, Belén Diz Juncal, e Tania Crego Gutiérrez.

Na inauguración o director do Museo Xosé Manuel Rey subliñou que a mostra xurde coa finalidade de dar voz e de converterse nun altofalante co que chamar a atención e reivindicar a mirada feminina no proceso de co-creación e transformación da realidade social. ‘Voilà la femme’ –destacou- é un proxecto “firmemente ancorado na comunidade e no territorio” pois pretende darlle visibilidade á obra de artistas-mulleres que naceron ou se formaron en Galicia.

“Chega con dicir ao respecto que a inmensa maioría delas formáronse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que, por tanto, teñen unha vinculación directa coa cidade de Pontevedra e, en non poucos casos, con este Museo co que colaboraron en accións diversas. Hoxe moitas destas creadoras son artistas consagradas e recoñecidas, que xa teñen unha longa traxectoria profesional e que, en non poucos casos, imparten docencia na propia Facultade de Belas Artes”, salientou Rey.

Pola súa banda as comisarias Yolanda Herranz e Celeste Garrido salientaron que no día de hoxe cómprese un desexo longamente ansiado. A exposición no Museo, dixo Herranz, é “moi importante” porque non se dá moitas veces a nivel estatal, sendo a de maior traxectoria sobre arte e xénero incluso a nivel europeo e mundial. “Houbo unha evolución moi significativa dende os primeiros traballos en 1992 ata as últimas xeracións, cunha aposta claramente definida pola igualdade e o xénero. Queriamos que esa constancia se recollera no centro máis importante de Pontevedra e tamén nun catálogo de calidade, un documento que permanece e que conta cos críticos máis importante do estado. Tamén é importante que se vai editar en tres idiomas e poderá circular por todo o mundo”, apuntou.

Sobre a situación da relación muller-arte dende o inicio do proxecto ata hoxe, as comisarias relataron que as cousas foron a mellor. A comisaria Celeste Garrido explicou a existencia dunha agrupación colectiva, ‘Portal de Igualdad’, que pretende que os museos de arte teñan un portal de Igualdade e que se impliquen no cambio e visibilidade ás mulleres como artistas e en todos os ámbitos como coordinadoras ou directoras.  “Estase xerando unha conciencia social en torno á necesidade de estar visibilizadas. Non se nos pode esquecer, somos máis de media humanidade”, afirmaron.

Herranz quixo por último facer mención a dúas ausencias de artistas: Ángeles Iglesias, decana da exposición que faleceu no período do proxecto, por traballar en Marín formando a xeracións en clases de pintura, e a Berta Cáccamo, compañeira falecida que “estou segura lle encantaría participar, pero non foi posible conseguir obra súa. Témola na mente e no corazón”, finalizou.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.