Noticias

Música e memoria protagonizan os roteiros musicais pola provincia que oferta a Deputación

Están organizados polo Departamento provincial de Cultura e Lingua en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e o prazo para inscribirse xa está aberto


02 maio 2019
Roteiros musicais pola provincia de Pontevedra

O Departamento provincial de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), organiza seis percorridos pola tradición musical da provincia que darán comezo o vindeiro sábado, 4 de maio, en Cerdedo-Cotobade con Ricardo Portela como protagonista. As rutas continuarán por Vigo, cun percorrido sobre Os Morenos de Lavadores; Pontevedra e Poio cos gaiteiros Manuel Villanueva, Perfecto Feijoo e Xan de Campañó como protagonistas; Forcarei e os gaiteiros de Soutelo; Redondela e Pontevedra con Casto Sampedro; e rematará en Tomiño coas Treboadas do Baixo Miño. Cada un dos roteiros contempla 50 prazas e a participación é de balde, previa inscrición no enderezo de correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal

O obxectivo deste ciclo é o de propiciar novos espazos de encontro, nos que a memoria da provincia se vencelle coa súa historia na música tradicional, a través dun percorrido pola vida e obras dalgúns persoeiros, agrupacións e formacións máis destacados de cada zona. Cada percorrido contará coa compaña especial dun guía especializado e cunha actuación musical específica. Neste Ano da Música e partindo de que a provincia de Pontevedra foi cerne de gran parte da mellor música tradicional con grupos e personaxes senlleiros de referencia imprescindible para toda Galicia, este ciclo de roteiros pretende preservar e poñer en valor o legado de grupos, formacións e gaiteiros históricos nados na provincia: Os Areeiras, Os Campaneiros de Vilagarcía, Manuel Villanueva, Os Morenos de Lavadores, Os Moxenas, Os Soutelos de Montes, Ricardo Portela, ou Xoán de Campañó..

O primeiro dos roteiros, que terá ao Gaiteiro de Viascón por protagonista, partirá o vindeiro sábado da praza da Ferreiría de Pontevedra, ás 10:30 h, e percorrerá lugares emblemáticos como a rúa Laranxo, onde estaba o domicilio pontevedrés do gaiteiro, ou a praza do Concello en Carballedo, a súa casa natal e a Casa da Gaita, ambas na parroquia de Viascón. O desprazamento a Cerdedo realizarase en autobús e o remate do percorrido está previsto para as 13:30 h. Neste percorrido actuará como guía José Luis Calle e a música correrá a cargo de Álvaro Novegil.

O segundo dos roteiros, que terá Os Morenos de Lavadores como protagonistas, terá lugar o 11 de maio e estará guiado por Xerardo Santomé. Partirá da sede da Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores en Vigo e a música correrá a cargo dos Erdeiros dos Morenos de Lavadores. O sábado 25 de maio o roteiro transcorrera por terras de Pontevedra e Poio e versará sobre o legado de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo e Xan de Campañó. O punto de partida será o mosteiro de Poio, e nesta ocasión o guía será Pablo Carpintero e a música porana Pablo Carpintero e Rosa Sánchez.

Os Gaiteiros de Soutelo centrarán o cuarto dos roteiros que descorrerá por terras de Forcarei o sábado 1 de xuño, con Xurxo Souto como guía e con A Ponte do Tren a cargo da actuación musical. O punto de encontro será no lugar de Vilapouca, a carón da fonte. Casto Sampedro será o protagonista do quinto percorrido que sairá da casa natal do músico, en Redondela, e que guiará Xavier Groba con música de Aire Xulia. O ciclo rematará en Tomiño con As treboadas do Baixo Miño, nun percorrido que comezará na praza do Seixo e que estará guiado por Xerardo F. Santomé e con música de Airiños Novos de Pinzás.