O concerto das Donas chega este domingo a Meis ao abeiro de “Música no Ar”

O recital do grupo instrumental de cámara, enmarcado no programa cultural da Deputación, será as 21.00h no Mosteiro da Armenteira coa música de mulleres compositoras dos séculos XVII e XVIII

09/08/2022

Este domingo 14 de agosto, as 21.00h, o Mosteiro da Armenteira de Meis acollerá unha nova actuación do programa “Música no Ar” que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

O Concerto das Donas é un grupo instrumental de cámara especializado na recuperación de obras de mulleres compositoras de todos os tempos. A formación está integrada por Elena Vázquez (violín barroco), Ana Pazos (corneto), Carlos García (violonchelo), Tin Novio (tiorba), Marta López (clave) e María José Pámpano (violín barroco e dirección). Na súa representación “A pegada feminina na historia da música” farán un percorrido pola música dos séculos XVII e XVIII composta por mulleres coma Francesca Caccini, Isabela Leonarda, Bárbara Strozzi ou Élisabeth Jacquet de la Guerre.

Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.