A Deputación informa aos concellos de novas convocatorias de axudas europeas

Neste novo boletín da newsletter da Oficina de Proxectos Europeos da institución provincial inclúense como novidades as axudas destinadas á implantación de zonas de baixas emisións e de impulso ás enerxías renovables

19/08/2022

A Deputación de Pontevedra, dende a Oficina de Proxectos Europeos,  vén de lanzar unha nova newsletter na que informa aos concellos das últimas convocatorias do seu interese no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este boletín mensual da institución provincial, que comezou a distribuíse no mes de marzo, é un paso adiante na información, cooperación e axuda aos concellos  da provincia na captación fondos europeos.

Nesta sexta edición do mes de agosto, no boletín preséntanse catro novas achegas. Por unha banda, hai unha nova prestación á mobilidade, que consiste nunha subvención para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano e da mobilidade, que ten como fin de prazo o 29 de setembro. Pola outra, publícanse tres axudas no eido da enerxía: unha a proxectos singulares de instalacións de biogás, que ten o prazo aberto ata o 14 de outubro; un programa de incentivos a proxectos de redes de calor e frío que utilicen fontes de enerxía renovable, que se pode solicitar ata o 28 de outubro; e por último, un programa para a posta en marcha de oficinas de promoción, asesoramento e apoio ás comunidades enerxéticas, pero que aínda ten pendente o prazo de convocatoria.

En newsletters anteriores da Oficina de Proxectos Europeos, xa se informou de axudas á rehabilitación a nivel de barrio, de incentivos á mobilidade eléctrica  (MOVES III), de proxectos de dixitalización do ciclo urbano da auga (PERTE), das convocatorias do programa LIFE para proxectos medioambientais, do DUS 5000 para os concellos do reto demográfico, do programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, da creación dun ecosistema dixital no sector audiovisual ou achegas á xuventude a través do programa Erasmus +. Todas estas subvencións aínda teñen o seu prazo de solicitude aberto, polo que os concellos interesados poden acceder a elas.

Durante este mes de agosto, a Oficina de Proxectos Europeos da Deputación continúa a súa actividade ao servizo dos concellos, permanecendo operativa no asesoramento e asistencia ao municipios da provincia no desenvolvemento dos seus proxectos europeos.