Noticias

No Día Mundial do Teatro a deputación ofrece este sábado a función "A tropa do doutor milagre" no exterior da sede do casco vello

Co lema "A Depo Inspira Teatro", á rúa Chao será escenario da representación da compañía Inventi Teatro, que xa colgou o cartel de completo e que se poderá tamén seguir por streaming na web e redes sociais da Deputación


26 marzo 2021

A Deputación de Pontevedra xa colgou o cartel de completo para a función na rúa Chao coa que este sábado celebrará en Vigo o Día Mundial do Teatro, que correrá a cargo da compañía Inventi Teatro a partir das 12 horas, e que se poderá tamén seguir por streaming desde a web da institución, www.depo.gal. Con esta representación e baixo o lema "A Depo Inspira Teatro", a institución se  suma á conmemoración desta xornada co fin de dar visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público.

A fachada da sede viguesa da institución, no Casco Vello, engalanaranse cun gran telón veneciano en cor vermella que enmarcará a representación, que se desenvolverá co estrito protocolo anti Covid da Deputación nos seus actos culturais. Deste xeito, o aforo está limitado a trinta persoas, que xa reservaron a súa butaca vía telemática.  

Inventi Teatro representará "A tropa do doutor Milagre", un espectáculo de rúa para todos os públicos que engloba música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia e maxia. O protagonista da historia, un médico-inventor agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, toma a arriscada decisión de facerse con un autobús abandonado para convertelo nun auténtico show de venta ambulante. Para esta aventura estará acompañado do seu axudante, o pequeno Miñoca e a exuberante Madame Bobarí.  A dirección da obra corre a cargo de Inventi Teatro e a protagonizan  Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal. A citada compañía naceu no 2017 en Vigo da man do citado elenco, co obxectivo de crear espectáculos de rúa divertidos, visuais e para toda a familia. "A troupa do doutor Milagre" foi o seu primeiro montaxe, e levan con el máis de 50 actuacións por toda Galicia, amais de participar con esta obra en certames como o Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela, a MIT de Ribadavia ou Itineranta en Pontevedra.