Noticias

Novo paso na aposta do Goberno provincial pola sostibilidade dos concellos coa aprobación de proxectos de iluminación e caldeiras de biomasa

O orzamento total destes dous plans, cofinanciados con Fondos FEDER, ascende a máis de 3,5 millóns de euros, dos cales a Deputación achegará máis de 507.000 euros


07 agosto 2020
Biomasa

A Deputación de Pontevedra acaba de reforzar a súa aposta pola sostibilidade dos concellos da provincia coa aprobación na Xunta de Goberno de dous proxectos que favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono dentro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE. En concreto, trátase dun plan de renovación das instalacións de iluminación exterior, cuxo orzamento ascende a 3.054.462,15 euros, e doutro de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, cun importe de 491.973,52 euros. O total destes plans ascende, polo tanto, a 3.546.435,67 euros.

Ambos os proxectos contan co financiamento a través de fondos FEDER de crecemento sostible 2014-2020 dun máximo do 80 % de cada actuación. No caso da renovación das instalacións de iluminación exterior a Deputación achegará un 15 % dos recursos, o que se traduce en 458.169,32 euros; mentres que no caso da substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa o ente provincial proporcionará 49.197,35 euros, o 10 % do orzamento total. Así, o investimento total da Deputación será de 507.366,67 euros.

Deste xeito, o Goberno de Carmela Silva deu luz verde aos proxectos de execución das obras de renovación da iluminación pública exterior nos concellos mediante a substitución das luminarias actuais por outras LED máis eficientes.

As obras divídense en cinco lotes e abranguen 45 concellos da provincia: Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, Meis, Nigrán, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño e Tui, no lote 1; Arbo, Covelo, Crecente, Meaño, As Neves, Oia, Poio, Pontecesures, O Porriño, Silleda, Tomiño e Vilagarcía de Arousa, no lote 2; Baiona, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Pazos de Borbén, O Rosal e Soutomaior, no lote 3; e Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga, no lote 4.

No lote 5, pola súa banda, inclúense proxectos de iluminación nos bens de interese cultural (BIC) dos concellos de Baiona, Caldas de Reis, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Nestes sete concellos actuarase en 370 puntos de luz para mellorar a iluminación dos BIC, o que suporá un aforro enerxético medio do 81,14 %.

Por outra banda, aprobouse o expediente de contratación para a adxudicación do contrato de obras de substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa. O obxectivo que se persegue con este proxecto é a sostibilidade e a eficiencia enerxética de sete instalacións situadas nos concellos da Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis. Con estas actuacións preténdese reducir as emisións contaminantes e acadar un aforro enerxético do 25 %. Ademais, estas obras levan aparellada a redución considerable dos custos de subministración de gasóleo para as arcas dos concellos e teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera.

En concreto, coas achegas derivadas deste proxecto A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do centro cultural, mentres que Salvaterra de Miño acometerá tres actuacións, coa substitución das caldeiras no Concello, no centro cultural e no Xulgado de Paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do centro social; Portas, as do edificio da Azucreira, da gardería e do centro de día; e, por último, Caldas substituirá a da piscina.