Noticias

Nove mozos en risco de exclusión social e laboral finalizan en Vigo un ciclo formativo de inserción no mercado de traballo financiado pola Deputación

A Asociación de Iniciativa Social Berce desenvolve esta acción formativa por cuarto ano consecutivo, con mozos de 14 a 20 anos


24 03 2015
iniciativa social Berce

Un total de nove mozos con problemas de inserción social e laboral recibiron esta mañá os diplomas acreditativos da súa participación nos cursos de integración laboral organizados pola Asociación de Iniciativa Social Berce.

O acto tivo lugar na sede de Vigo da Deputación e contou coa presenza da deputada provincial Marta Iglesias, do presidente da asociación Berce, Miguel Ángel Yagüe Poncela, así como dos formadores e representantes das empresas colaboradoras.

Os alumnos agradeceron os esforzos dos seus profesores para orientalos nas súas posibilidades laborais de futuro. Pola súa banda, a deputada Marta Iglesias eloxiou o intenso traballo desenvolvido polo colectivo organizador destas actividades na integración social e laboral dos menos favorecidos.

Tamén lles recomendou ós mozos "que continúen os seus esforzos en materia de formación persoal e orientación laboral, e que teñan confianza en si mesmos para facerse un oco no competitivo mercado de traballo actual".

Ademais de ser patrocinados pola institución provincial, estes ciclos de formación contaron coa colaboración das empresas Seur, Vitrasa e Aeropuerto de Vigo, que lles facilitaron as prácticas laborais ós alumnos como parte da súa formación.

Iglesias Bueno lembrou o investimento realizado pola Deputación en materia de promoción do emprego, con 65 millóns de euros destinados a programas específicos, a través dos que se contrataron a máis de 8.000 persoas, e mediante unha colaboración directa coas ONGs e as organizacións que desenvolven accións de inserción laboral na provincia.

O presidente de Berce, Miguel Ángel Yagüe, destacou a "implicación dos mozos nas tarefas de formación", como base para mellorar as súas posibilidades de futuro.

A acción formativa, desenvolvida desde o pasado mes de setembro, consistiu en ofrecerlles acompañamento ás persoas que se atopan en situación de exclusión laboral e social, co obxectivo de incorporalas ó mercado laboral.

Está dirixida ós mozos de 14 a 20 anos que residen nas tres casas de familia de Vigo: Casa Hogar Berce I, Casa Hogar Berce II e Casa Hogar Berce "O Perello", agás aqueles que xa completaron a súa formación nos proxectos I e II.

Este ano, por segunda vez, abríase a posibilidade de admitir alumnos que, sen formar parte desta rede, se atopen dentro do sistema de protección de menores ou en situación de risco ou exclusión social.