Noticias

O AECT Rio Minho colabora co Ikfem 2019, na súa edición máis extensa e con maior número de propostas culturais

Uxío Benítez asegurou que desde o Agrupamento vanse seguir apoiando todas as iniciativas culturais que se desenvolvan no territorio, cos fondos que hai e loitando por conseguir máis


09 xullo 2019
Ikfem 2019

O deputado provincial e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participou esta mañá, no Parador de Tui na presentación da sétima edición do festival de música IKFEM, coa que o Agrupamento Europeo colabora cunha axuda de 15.000 euros. No acto estivo presente a directora do festival, Andrea González, acompañada tamén polo presidente de Câmara Municipal de Caminha, Jorge Mendes, a concelleira de cultura de Tui, Sonsoles Vicente e o director do AECT Galiza Norte de Portugal, Xosé Lago.

Uxío Benítez explicou que esta colaboración enmárcase dentro das accións de apoio á cultura transfronteiriza do proxecto de cooperación europea Smart Minho, a través da cal se puxo en marcha a iniciativa "Concertos no Río Miño", preámbulo do IKFEM 2019. Benítez asegurou que "desde o Agrupamento vanse seguir apoiando todas as iniciativas culturais que se desenvolvan no territorio, cos fondos que hai e loitando por conseguir máis".

Os Concertos no Río Minho comezarán o domingo 14 de xullo, con Mini Mozart ás 21:30 h. en Tomiño (Espazo Fortaleza), para público infantil, e o espectáculo "Voar a seis mans", unha colaboración de Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto, en Cerveira (Jardins do Aquamuseu), ás 23.00 h. galegas.

Smart Minho

Xunto co AETC Rio Minho, son socios do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Smart Minho, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.