Noticias

O AECT Río Minho estréase ante o resto de Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza no IX Annual Meeting of EGTC Platform

Benítez destaca a importancia deste encontro, no que se tratará a actualidade e as negociacións en curso en materia de Cooperación Transfronteiriza de toda a Unión Europea


26 setembro 2019
Uxío Benítez

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director AECT Río Minho, Uxío Benítez, participará mañá 27 de setembro, no IX Annual Meeting of EGTC Platform, que este ano terá lugar en Palma de Mallorca. Benítez sinalou a importancia de asistir a este encontro no que se dan cita todos Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza para discutir sobre os asuntos actuais relacionados cos AECT, o futuro da Cooperación Territorial Europea, as negociacións en curso no Consello da Unión Europea e os mecanismos de Cooperación Transfronteiriza Europeos.

O encontro anual serve tamén para a presentación das entidades europeas de nova creación, como é o caso do AECT Río Minho, que terá un espazo reservado durante a sesión matinal para dar a coñecer a agrupación e algúns dos seus proxectos máis destacados, como son a elaboración da Estratexia Río Minho 2030, a creación da marca Río Minho ou o estudo de mobilidade dirixido a identificar e salientar as trabas legais e administrativas do transporte entre un e outro lado da fronteira.

Uxío Benítez lembrou que a cooperación transfronteiriza recibiu en 2006 un importante impulso da Unión Europea mediante a creación da figura xurídica dos Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT), tendo en conta que máis dunha terceira parte da cidadanía da UE vive nas rexións fronteirizas, e que estas fronteiras afectan directa ou indirectamente ás súas vidas en cuestións relacionadas co transporte, a educación, a atención sanitaria, a enerxía a formación ou a creación de emprego transfronteirizo.

O 4 de abril de 2018 a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho crean o AECT Río Minho a través dunha das accións do proxecto Smart Minho (cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER) e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez é designado como director do ente.