Noticias

O AECT Rio Minho participa en Bruxelas na Semana Europea das Rexións e das Cidades

O encontro, que reuniu a 9.000 expertas e expertos de todo o continente, é unha das ‘citas clave' da política rexional europea


10 outubro 2019
AECT Rio Minho Bruxelas

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, asistiu á decimo sétima edición da ‘European Week of Regions and Cities' que tivo lugar en Bruxelas do 7 ao 10 outubro, onde estivo acompañado polo secretariado técnico do agrupamento galego-portugués Rio Minho. Segundo explicou o deputado provincial, este encontro anual "é a cita máis importante" da política rexional da Unión Europea.

A Semana Europea das Rexións e as Cidades é un evento que ten lugar cada ano na capital europea e que ao longo de catro días ofrece ao funcionariado das administracións rexionais e locais, expertas e expertos e representantes do mundo académico a posibilidade de compartir boas prácticas e coñecemento especializado en desenvolvemento rexional e urbano sendo o maior evento público europeo deste tipo. Preto de 9.000 persoas de todo o continente déronse cita nesta edición para participar nun programa composto por aproximadamente 100 sesións de traballo, exposicións e eventos sociais relacionados co desenvolvemento rexional e local.

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, e as persoas integrantes do secretariado técnico e equipo técnico do proxecto Smart Minho participaron en diferentes foros e seminarios, dos que Benítez destacou a especial relevancia dun sobre plurilingüismo e cooperación cultural nas rexións transfronteirizas e outro sobre obstáculos legais no contexto da cooperación. Así mesmo mantivéronse reunións paralelas coas persoas representantes de asociacións de rexións fronterizas de Europa e tamén da DG Regio, cas que aproveitaron para presentar e explicar a Estratexia do Rio Minho 2030 e todo o proceso de elaboración da mesma.

O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 24 de abril de 2018 e está formado pola Deputación Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socia. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75 % polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.