Noticias

O alumnado de bacharelato do instituto A Xunqueira visitou as instalacións da Escola de Cantería da Deputación

As alumnas e alumnos de bacharelato de Artes do instituto A Xunqueira, coa compañía do profesorado, puideron coñecer de primeira man o traballo que se fai na escola


13 xuño 2018
Visita a Escola de Cantería

A deputada de emprego, Montserrat Magallanes, recibiu na Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra a visita das mozas e mozos que cursan o bacharelato de Artes no instituto A Xunqueira. Tanto o alumnado coma o profesorado que asistiu puideron coñecer de primeira man os traballos que as alumnas e alumnos da Escola de Cantería desenvolven o longo do ano e as experiencias de colaboración que teñen en diferentes países do mundo.

Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos, por iso as saídas e visitas de estudos forman parte integral do proxecto educativo do centro. Froito desta formación práctica, moitas das obras de arte, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peañas ou construcións arquitectónicas, que levan a cabo as alumnas e alumnos están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigas alumnas e alumnos están a traballar na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como a desenvolver actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago ou Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.