Noticias

O alumnado do Instituto de Ponte Caldelas aprende a identificar a orixe da violencia de xénero, que sempre parte dun vínculo amoroso

O concello puxo en marcha un obradoiro financiado pola Deputación


17 xaneiro 2017
Ponte Caldelas
Os nenos asisten o obradoiro contra a violencia de xénero

A violencia de xénero non xurde da nada, senón que ten a súa orixe nun vínculo amoroso que, inicialmente, constituía unha relación sa. Averiguar que pode facer enfermar ese vínculo e identificar  as vías de saída son os obxectivos do Obradoiro de Prevención que o Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha este luns no Instituto de Ensino Secundario Cordo Boullosa.

Á inauguración do obradoiro asistiu o alcalde, Andrés Díaz, acompañado do tenente de alcalde, Enrique Vidal, en representación do Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG. A actividade terá continuidade ao longo do ano con outras iniciativas neste eido.

O obradoiro está a cargo do gabinete Amaturi, que ten unha ampla experiencia dende o seu nacemento no ano 2009 no eido da formación social na sexualidade, abranguendo especialmente á muller, á mocidade e ás persoas con discapacidade. A encargada de impartilo é a educadora sexual Débora Baz Rodríguez.

A especialista acudiu a unha metodoloxía moi visual que se apoia nun traballo psicolóxico a partir do "bombardeo" de mensaxes sobre o amor romántico que chega a través da música e o cine. Para elo non dubida en utilizar pizarras en forma de corazón e tamén dúas figuras asexuadas unidas por unha guirnalda de corazóns con luz que se rompe para logo acabar reparando a icona do corazón. O obxectivo é procurar aos adolescentes "unha aterrizaxe realista".

Todo neste Obradoiro está deseñado para buscar unha interacción moi dinámica "porque", explica Débora Baz, "os adolescentes logo se aburren e hai que estimulalos". Non obstante, a receptividade dos rapaces "é boísima, mesmo sorprendente", engade a responsable deste obradoiro, que continuará desenvolvéndose ao longo de toda a semana.

O Concello de Ponte Caldelas tramitou e obtivo, o pasado mes de outubro, unha subvención de 2.400 euros da Deputación Provincial para a organización de actividades de fomento da igualdade e loita contra a violencia de xénero no marco do programa "Desenrédate".