Noticias

O alumnado dos centros educativos participa en obradoiros contra a Violencia de Xénero


08 novembro 2017
A Guarda
Proxecto Empatía

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda, promoven dende o mes de outubro e ata o próximo mes de decembro o «Proxecto Empatía», cunha serie de obradoiros destinados ao público infantil e xuvenil dentro da campaña do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

A actuación inclúe obradoiros de habilidades e relacións sociais destinados á aprendizaxe de relacións respectuosas entre o alumnado. Así, por exemplo, as cativas e cativos poderán aprender a amosar os seus sentimentos, a resolver conflitos de forma pacífica e a valorar a igualdade entre mulleres e homes como eixo central do desenvolvemento humano.

Con esta actuación, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, búscase informar, sensibilizar e concienciar sobre a magnitude do problema que supón a violencia de xénero, especialmente entre a mocidade, identificando a forma específica que adopta esta violencia nas súas relacións interpersoais e promovendo posturas de rexeitamento e denuncia activa ante ela, incidindo especialmente no uso axeitado que debe facerse das novas tecnoloxías.

O «Proxecto Empatía» completarase o día 20 de novembro cunha nova edición do obradoiro «Violencia de xénero e o novo contexto dixital», xa realizado o pasado curso académico. Nesta ocasión, a participación no taller ampliarase ao alumnado de 5º e 6º de primaria e aos ciclos formativos de Formación Profesional, xunto co alumnado de educación secundaria de todos os centros da Guarda.

O obradoiro centrarase no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital, tales como a ciberviolencia de xénero, o grooming (acoso sexual a menores de idade por parte de adultos na rede) ou o sexting (envío de contido de carácter sexual a través das novas tecnoloxías).

A actividade conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e enmárcase dentro das actuación da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, cuxo obxectivo principal é a busca do rexeitamento social e institucional da lacra que supón a violencia contra as mulleres. Focalízase na sensibilización á poboación máis nova e busca a súa implicación e compromiso contra ela, fomentando ao tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e a igualdade.

Nesta liña, dende o CIM do Concello da Guarda tense o convencemento de que a prevención dende o ámbito da educación é clave para atallar as violencias machistas, motivo polo que as actividades se dirixen neste senso.