Noticias

A Apalpadora e O Apalpador inician a súa xira en Pontevedra

Chegaron esta mañá á Escola Infantil do Centro Príncipe Felipe e percorrerán un total de 36 concellos da provincia adheridos ao Plan Revitaliza


20 decembro 2018
apalpador

"Xa está aquí, xa chegou O Apalpador" cantaron a coro as nenas e nenos da Escola Infantil do Centro Príncipe Felipe, na que foi a primeira parada do Apalpador e da Apalpadora con toda a súa ‘troupe' na provincia de Pontevedra. Ao igual que en anos anteriores, e ao abeiro do programa ‘Nadal en Galego', estas míticas figuras do Nadal galego baixaron das montañas para visitar ás nenas e aos nenos acompañadas de dous músicos e dun burro fariñeiro e comprobar se todas e todos se portaron ben e comeron suficiente para afrontar o inverno. Esta visita inclúe ademais un percorrido pola tradición propia e pequenos fragmentos lúdicos para concienciar sobre o coidado do medio ambiente e a alimentación saudable.

O Apalpador, a súa filla a Apalpadora, un acordeonista e un guitarrista, acompañados dun burro fariñeiro –feito en madeira-, percorrerán a partir de hoxe 36 concellos da provincia adheridos ao Plan Revitaliza para cantar coas rapazas e cos rapaces en clave medioambiental. Na primeira das actuacións, estiveron presentes a deputada delegada do Centro Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, no que supón, en palabras deste último "a consolidación dun programa que nestes catro anos foi gañando en implantación e demanda por parte dos concellos". A ‘troupe' ao completo trasladouse despois ao CEIP de Campo Lameiro onde tamén realizaron o mesmo espectáculo musical, que remata coa repartición de landras para fomentar a preservación das especies autóctonas. A partir de hoxe, as seguintes actuacións deste programa xa non serán conxuntas, senón que dunha banda actuará O Apalpador acompañado dun acordeonista, e doutra A Apalpadora acompañada dun guitarrista.

A repartición de landras entre a rapazada volve realizarse nun sobre explicativo que, baixo o título ‘Como ter un carballo. Sementa un carballo', ofrece información básica, e didáctica, sobre o proceso de xerminación da landra e das súas características. Hai que lembrar que esta repartición se iniciara o pasado ano para sensibilizar sobre o coidado do monte tras os devastadores incendios de outubro, e que este ano se mantén dado a súa boa aceptación e os valores educativos que promove. Ademais do coidado do monte, as cancións tamén inclúen temas como a necesidade de comer san, e a importancia da compostaxe. Parte da actuación tamén fai fincapé na tradición galega do Nadal, con explicacións musicadas sobre o mito do Apalpador e da súa filla A Apalpadora, e a súa relación con outros mitos foráneos como o de Papá Courel e como este rematou converténdose en Papá Noel.

‘Nadal en galego' é un programa concibido para vincular o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que as e os máis novos poidan familiarizarse con esta figura mítica galega e coñecer a súa historia. Orixinalmente 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella e, segundo a tradición, baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das e dos nenos para ver se comeran suficiente durante o ano e deixáballes a cambio agasallos e castañas, ao tempo que lles desexaba un novo ano cheo de felicidade e comida.


Novas relacionadas

Nadal en Galego

15 decembro 2018, cultura, nadal en galego, apalpador, apalpadora