Noticias

O Arquivo provincial acolle este venres a presentación do libro ‘Golpistas e verdugos de 1936'

Será, ás 20 horas, e contará coa presenza da deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e dos coordinadores da publicación, Lourenzo Fernández e Antonio Míguez


02 outubro 2019
Arquivo provincial

"Esta é a historia dos verdugos. Non é unha historia heroica nin agradable, tampouco unha historia esquecida. É unha historia que non tiñamos ganas de coñecer, pero que as historiadoras e os historiadores estamos obrigados a indagar e contextualizar. O coñecemento sempre resulta sorprensivo e desvenda erros, mitos, deformacións teresadas".

Así comeza o libro Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo', que este venres se presentará no Arquivo provincial, ás oito da tarde, da man da deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e dos coordinadores da publicación, Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez. Tamén haberá un coloquio presentado polo historiador Pepe Álvarez no que participarán o xornalista Xabier Fortes, o parlamentario galego Pedro Puy, e o editor de Galaxia Francisco Castro.

O libro recolle artigos dos seus coordinadores, pertencentes ao Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da USC (Histagra), e tamén de Iria Morgade Valcárcel, Conchi López, Aldara Cidrás, Xavier Buxeiro, Judith Carbajo e Rafael García, algúns deles avances de investigacións pertencentes a tesis doutorais.

Esta publicación supón unha nova mirada sobre o golpe de Estado do 36. As persoas lectoras coñecerán a través del as dimensións sociais dos verdugos e os seus colaboradores. Saberán "canto se estende a marcha da violencia do golpe. Coñecerán os golpistas perseguindo as autoridades, empezando polas militares. Como foron fusiladas autoridades civís, militares, policiais e administrativas sen que imaxinasen que ían ser executadas, porque esa posibilidade non formaba parte do seu mundo, nin da súa experiencia vital e política", explica o propio libro.