Noticias

O Atlantic Fest 2018 reforza o seu compromiso social coas campañas de concienciación da Deputación en materia de igualdade e medio ambiente

O deputado Santos Héctor destaca a cita coma "unha das máis consolidadas dos Rías Baixas Fests, onde se combina á perfección música, gastronomía, paisaxe e ocio familiar"


12 xullo 2018
Atlantic Fest

Os próximos días 20, 21 e 22 de xullo terá lugar na Illa de Arousa unha nova edición do Atlantic Fest, unha das citas que conforman os Rías Baixas Fests, "a ambiciosa aposta cultural da Deputación de Pontevedra para converter a nosa provincia nun referente musical no ámbito nacional". Así o explicou este mediodía o deputado provincial Santos Héctor na presentación do Atlantic Fest 2018 no Edificio de Usos Náuticos da Illa na praia do Bao, na que tamén participou o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, así como representantes do Agadic, da organización do festival e das marcas patrocinadoras do evento.

Santos Héctor explicou que este ano desde a Deputación de Pontevedra, ademais de colaborar na mellora da oferta lúdica e musical de cada unha das citas dos Rías Baixas Fests, tamén se quixo reforzar o seu compromiso social a través das campañas de concienciación en materia de igualdade e de medio ambiente. "Coa campaña ‘Somos Historias. Somos Sostibles' queremos sensibilizar sobre a importancia de que todos e todas nos impliquemos na necesidade de preservar as nosas contornas. Por iso, 50.000 ecocabichas, contedores para plásticos e monitores ambientais xa están presentes este ano nos nosos festivais para lograr este obxectivo".

Por segundo ano consecutivo, a Deputación ten en marcha a campaña ‘Eu decido. Ti respecta', "dirixida tanto aos mozos como ás mozas con materiais nos que se ofrece unha información global sobre actuación e prevención ante este tipo de actos". O deputado provincial expuxo que este ano, ademais, dende o Goberno provincial "quixemos dar un paso máis e coa campaña ‘Conta comigo. Eu respéctote' pretendemos que os mozos e mozas amosen o seu rexeitamento ante todo tipo de agresións sexuais e non sexan cómplices e se posicionen claramente fronte aos agresores".

Santos Héctor lembrou a importancia dos festivais como gran elemento dinamizador, pero non só da cultura, senón de todo o que arredor levan consigo. "Quero lembrar que en 2017 o balance dos Rías Baixas Fests foi moi positivo, contamos con máis de 200.000 asistentes e creáronse 1.500 empregos. Ademais, tamén hai que ter en conta que cada festival dinamiza toda a economía e o emprego alí onde se celebra, poñendo por caso por exemplo, a ocupación hoteleira, que sempre acaba ao cento por cento os días propios de cada cita musical".

Santos Héctor rematou a súa intervención asegurando que o Atlantic Fest é un dos festivais máis consolidados das Rías Baixas, "unha cita de tres días nun marco incomparable, onde se combina á perfección música, gran calidade gastronómica, paisaxes espectaculares e ocio para toda a familia". Manifestou que estas características do Atlantic Fest e a súa gran acollida só confirman a decidida aposta da Deputación de Pontevedra por este tipo de iniciativas.