Noticias

O CAAN tenta salvar catro cachorros que foron botados a un colector en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida

A Garda Civil de Caldas foi quen atopou en condicións críticas dous machos e tres femias, das que unha xa chegou morta ao centro da Armenteira


02 decembro 2019
Cachorros CAAN

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra tenta recuperar desde este pasado sábado a catro cachorros (dous machos, Ares e Ceo, e dúas femias, Terra e Sabela) que foron botados a un colector en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida.

Foron axentes da Garda Civil quen atoparon un total de cinco cans (dous machos e tres femias) no interior dun colector no lugar do Monte, na parroquia de Deiro (Vilanova de Arousa) e os trasladaron ás instalacións do CAAN na Armenteira. Unha das femias xa chegou morta ao centro e o resto atopábanse en situación crítica, con hipotermia e moi débiles. As e os veterinarios do CAAN conseguiron estabilizalos e estanos a alimentar con biberón, xa que nestes momentos non hai posibles nais de acollida, como fora o caso de Rula, que aleitou dúas cadeliñas que tamén deixaron nun colector en Cuntis e que xa foron adoptadas. As e os veterinarios trasladan de noite os cachorros ao seu propio domicilio para alimentalos cada dúas ou tres horas e, aínda que estes primeiros días seguen sendo cruciais, os cans e as cadelas están a reaccionar de xeito positivo.

A Deputación lamenta e condena este novo episodio de maltrato e abandono na provincia, propio de persoas "desalmadas". Como salienta a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, "este é un problema que tamén mide a sociedade que somos". A este respecto, hai que lembrar que o CAAN presentou no que vai de ano un total de 27 denuncias por abandono e/ou maltrato dun total de 232 expedientes de localización de persoas propietarias.

Nestes momentos o centro, no que se atopan 450 cans, está a desenvolver unha nova campaña de sensibilización para fomentar as adopcións e a tenza responsable de animais. "Esteriliza, adopta" busca aproveitar a proximidade das festas do Nadal para facer fincapé na importancia da adopción fronte á compra e tamén na importancia de esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais, que logo xera tantos problemas e tantos abandonos ou maltrato.

Este ano, ata o pasado 15 de novembro, o CAAN fixo 1.176 recollidas de animais, unha cifra que supón un descenso con respecto ao ano pasado, no que se recolleron 1.788. Outro dato positivo deste 2019 é o incremento notable das adopcións, xa que ata novembro se levaban 410, unha cifra que supera as 360 de todo o pasado ano.