Noticias

O campo de fútbol da Gandareira, de Bandeira (Silleda), premiado na XI Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo que tivo lugar en Paraguai

As instalacións deportivas, financiadas polo Plan de Reequilibrio da Deputación, foron xunto co Museo do Clima de Lleida as únicas obras españolas galardoadas no prestixioso certame


18 outubro 2019
Biau gandareira

A obra do campo de fútbol da Gandareira, na localidade da Bandeira, no concello de Silleda, recibiu o premio Panorama de Obras, da XI Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Turismo, que tivo lugar en Asunción (Paraguai) a semana pasada. As instalacións deportivas, financiadas co Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra cun investimento de máis dun millón e medio de euros, foron inauguradas hai agora un ano e deseñadas polo arquitecto silledense Abraham Castro. De feito a actuación na Gandareira foi unha das 20 obras de toda España que estiveron presentes neste prestixioso certame da capital paraguaia.

Na BIAU, organizada polo Ministerio de Fomento, a obra realizada en Bandeira foi a única galega que chegou á final, e a única de España xunto co Museo do Clima de Lleida, de Toni Gironès, que recibiu un premio neste certame internacional de arquitectura. Así mesmo, fotos da obra así como pequenos vídeos e imaxes que se tomaron durante a construción foron proxectados en diferentes galerías e espazos expositivos durante toda a semana pasada no barrio de La Chacarita de Asunción.

"Estamos moi satisfeitos por este recoñecemento a nivel internacional do campo de fútbol da Bandeira", indicou o alcalde, Manuel Cuiña, que lembrou a gran aposta inversora realizada pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda para a consecución do novo estadio e a urbanización e humanización do seu entorno.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, felicitou ao alcalde, Manuel Cuiña, e sinalou que "este recoñecemento internacional é todo un espaldarazo á aposta que estamos a facer tanto o concello como a Deputación por dotar á cidadanía de servizos e equipamentos baseados na innovación e a modernidade". Silva lembrou que "só mediante a cooperación e as sinerxías entre administracións, como estamos a facer cos concellos da provincia, lograremos que as veciñas e veciños, vivan onde vivan, sexa na costa ou sexa no interior, teñan as mesmas dotacións porque todas e todos teñen dereito a telas". A presidenta provincial expresou a súa satisfacción polo premio "a una instalación realmente espectacular como a de Bandeira que, espero, a goce toda a xente do concello de Silleda"

Pola súa banda, o autor do proxecto, Abraham Castro, destacou que nos últimos días foron moitos os medios especializados que se están interesando pola actuación e amosou a súa satisfacción por este recoñecemento a unha obra "funcional, moderna, que define como unha proposta de poderosa xeometría, cunha arquitectura obxectiva, concreta, e sobre todo unha obra para perdurar no tempo, engadeu Castro.

En total presentáronse á BIAU 997 propostas, sendo seleccionadas finalmente 210 dun total de 16 países. Trátase dunha iniciativa do Goberno de España, consolidada xa como unha das referencias fundamentais para coñecer a situación actual e prospectiva da arquitectura e o urbanismo na comunidade iberoamericana. As actividades da Bienal xiran en torno ao recoñecemento de traxectorias de profesionais e de obras arquitectónicas significativas, entre outros.