Noticias

O campo de fútbol municipal "Álvarez Durán" de Tui estrea novos vestiarios coa financiación do Plan Concellos da Deputación

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde Enrique Cabaleiro coincidiron en subliñar "a importancia de que as mellores instalacións deportivas cheguen á veciñanza"


15 setembro 2019
Vestiarios Álvarez Durán

Os novos vestiarios do campo de fútbol municipal Álvarez Durán, xa son desde este domingo unha realidade. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e ao presidente e aos xogadores do Tyde FC, inauguraron esta tarde a reforma das instalacións nun acto previo á disputa do primeiro partido do club tudense na casa fronte ao CD Arcade, da Primeira Autonómica. As obras foron financiadas polo Plan Concellos 2017 cun investimento de case 70.000 euros (69.889,60 €).

Santos Héctor e Enrique Cabaleiro coincidiron en destacar a importancia de actuacións como estas "para que a xente do noso deporte dispoña das mellores instalacións posibles, viva onde viva". "O deporte é a revolución do século XXI, dixo o deputado de Cooperación, e o apoio das administracións é indispensable para que, desde a base, a nosa mocidade conte con equipamentos dignos para a práctica deportiva". Santos Héctor resaltou tamén "os bos resultados que está a dar o Plan Concellos, un programa que valoran todos os alcaldes e alcaldesas da provincia porque, con este Goberno provincial, a distribución dos recursos realízase con equidade, con criterios técnicos e obxectivos, e trata aos concellos de igual a igual,  respectando as prioridades que marcan os gobernos municipais. Son eles, lembrou o deputado, quen escollen cales son as obras que queren financiar coas partidas da Deputación". Santos recordou que este ano o Goberno de Carmela Silva destina co Plan Concellos a Tui máis dun millón de euros, un 3,25 % máis que en 2018.

A actuación nos antigos vestiarios do Álvarez Durán, consistiu na redistribución e optimización dos espazos existentes baixo a grada para crear vestiarios do equipo local, visitante e árbitros, dando cabida tamén a unha zona de duchas, aseos, bancos e unha sala de enfermería. Deste xeito, as obras comprenderon a reparación das paredes, tamén se despregaron máis de 100 metros cadrados de pavimento vinílico antiescorregadizo e substituíuse a carpintería. Ademais, realizouse unha nova instalación de fontanería, electricidade e saneamento, e pintouse o muro.

Case 7 millóns de euros en 4 anos

O Goberno de Carmela Silva rematará este ano 2019 cun investimento total de preto de 7 millóns de euros no concello de Tui, o maior investimento na vila tudense da historia da institución provincial.

Só co Plan Concellos, Tui puido financiar un total de 58 obras por máis de tres millóns de euros (3.039.928,97 euros), e coa liña 3 de Emprego, o goberno municipal tudense  puido contratar, co financiamento da Deputación, a un total de 83 persoas desempregadas para traballar no concello (900.044,2 euros)

O concello de Tui tamén é un dos beneficiarios doutro dos plans provinciais,  o Plan DepoRemse, que destina á mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre-Páramos un investimento de preto de medio millón de euros.