O Castelo de Sobroso reabre as visitas ao público trala súa musealización

Desde hoxe as persoas poden reservar praza para visitar a fortaleza na nova web www.castelodesobroso.com, que tamén amosa a historia do castelo e o seu espazo natural

13/05/2022

Castelo de Sobroso

“Sobroso é un castelo de guerra, o torreón de defensa, que domina a comarca e outea, desde as súas fiestras, dilatado treito de país”. Esta cita de Emilia Pardo Bazán, que se consideraba descubridora das súas ruínas, preside a portada da nova web do Castelo de Sobroso, que trala súa recente musealización pola Deputación e tralo éxito das xornadas de portas abertas na Semana Santa, reabre as visitas ao público a partir deste sábado co sistema de reservas de prazas que xa está operativo na web www.castelodesobroso.com.

A nova páxina, que resume o seu contido na frase  “Unha historia, un castelo, unha experiencia para o recordo”, está dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Amais de facilitar a xestión da reserva e compra de entradas, ofrece ampla información sobre a historia de Sobroso e as características da nova musealización, así como do espazo natural e a senda que rodean a fortaleza, xunto coa súa flora e fauna de grande interese ambiental.

O castelo estará aberto de luns a domingo entre maio e outubro (no resto do ano pechará os luns) e tamén estará cerrado os días 1 e 6 de xaneiro, amais do 24, 25 e 31 de decembro. Na web amósanse os horarios de visita (polas mañás estará aberto entre as 10 e as 13 horas e polas tardes das 16 ás 19 horas) e as persoas interesadas poderán elixir entre un total de 14 pases diarios dispoñibles, con visitas guiadas cada media hora. A duración dos percorridos é de 50 minutos e están deseñados para grupos de un máximo de 15 persoas, xa que están pensados para garantir a calidade das visitas dentro das sete salas musealizadas, así como a súa capacidade de aforo.

No que atinxe ás tarifas, existe unha ordinaria de 4 euros, e haberá descontos para familias numerosas, persoas desempregadas, estudantes, mentres que se establece a gratuidade para as excursións escolares programadas. Por outra banda, o 18 de maio, Día Internacional dos Museos, o acceso será gratuíto, ao igual que o Domingo do Corpus (este ano o 19 de xuño), coincidindo coa festa de Ponteareas declarada de Interese Turístico Internacional.

A imaxe que hoxe en día loce o castelo é similar á que tivo cando foi chamado “a chave forte do Reino de Galicia”, grazas a última intervención realizada pola Deputación de Pontevedra. A institución investiu máis de 260.000 euros na recente musealización de Sobroso, que permitiu dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, baseado nas novas tecnoloxías, para potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística. Deste xeito, a musealización representa un novo produto estratéxico para a comarca do Condado-Paradanta, que busca mobilizar o turismo familiar e atraer visitantes cara outras iniciativas turísticas xa existentes na contorna, como o termalismo ou a enogastronomía.

O percorrido polas distintas salas abrangue sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, cunha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes; “A historia do Castelo e os seus habitantes”; cun audiovisual que narra a vida na fortaleza medieval; “O castelo, protagonista na Idade Media”, cunha montaxe con elementos téxtiles e módulos de personaxes como Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal ou Isabel de Aragón; “O castelo, da destrución á recuperación”, que consiste nun “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, centrándose nos cambios experimentados no século XX e no papel desenvolvido polo xornalista Alejo Carrera; “A construción do Castelo”, con paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza; “Os seres máxicos e a auga”, que inclúe lendas dos bosques de Sobroso nun ambiente iluminado especialmente para a ocasión; e “Os castelos, escenario de trobadores”, onde se recupera a tradición oral en torno ao castelo e a súa contorna. A visita remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.

O bosque que rodea á fortaleza é tamén un museo vivo. Para divulgar os singulares valores da finca creouse unha senda botánica que se percorre a través dun sinxelo paseo circular. Durante o percorrido, varios paneis con QR acompañan ás persoas visitantes no descubrimento das especies clave que logran o equilibrio do bosque, convertendo a visita nunha pequena aventura. Na páxina web inclúese, amais da información sobre a senda e o bosque, un apartado con fotos da fauna existente. Trala reforestación levada a cabo pola Deputación, numerosos animais obteñen na finca o alimento e refuxio que lles proporciona este bosque atlántico. 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.