Noticias

O catálogo "Galaicos. Un pobo entre dous mundos" da Deputación de Pontevedra, finalista dos premios do libro galego como mellor obra de divulgación

Este traballo, que naceu da colaboración entre a institución provincial e Alvarellos Editora, é froito da exposición arqueolóxica do mesmo nome


15 marzo 2019
Galaicos. Un pobo entre dous mundos

O catálogo Galaicos. Un pobo entre dous mundos, editado pola Deputación de Pontevedra en colaboración con Alvarellos Editora, é finalista na categoría de "Divulgación" aos Premios IV Gala do Libro Galego, uns galardóns anuais que enxalzan a excelencia do sector editorial en Galicia. O catálogo, que foi posto en marcha con motivo da exposición arqueolóxica do mesmo nome, pon en valor os grandes xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra e mostra, ao longo das súas páxinas, arredor de 2.000 anos da historia de Galicia.

Galaicos. Un pobo entre dous mundos é un extenso catálogo que narra, de maneira didáctica, un período histórico que abarca desde a Idade de Bronce ata o primeiro cristianismo. Nel móstranse fermosas fotografías, ilustracións e fichas divulgativas que explican a relevancia dun patrimonio histórico-cultural único. As autoras e os autores de dito catálogo son as arqueólogas e arqueólogos Xurxo Ayán, María Luisa Castro, Antoni Nicolau, Diego Piay e Rafael Rodríguez que traballaron nos xacementos que aparecen na obra. Dos 20 máis emblemáticos que aparecen no catálogo, cabe mencionar Santa Trega, A Cabeciña, Penalba, A Lanzada, monte do Facho, monte do Castro, Alobre, Castrolandín. Ademais, Galaicos. Un pobo entre dous mundos faise eco das últimas investigacións que sitúan a Galicia como un punto de unión entre o Atlántico e o Mediterráneo.

Tamén cabe sinalar que na mesma categoría da que é finalista Galaicos. Un pobo entre dous mundos están outras obras de divulgación como Castelao na arte europea, Galiza 1968. A consciencia avivada, Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza, Maternidade fóra de catálogo e Memorias dun loitador antifranquista. Os premios, que se entregarán o vindeiro 11 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela e que están organizados pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librerías de Galicia, tamén galardoarán obras de ensaio e investigación, narrativa, infantil, xuvenil, libro ilustrado, banda deseñada, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro e libro mellor editado. Tamén outorgarán premios a iniciativas e proxectos literario-culturais relevantes e poñerán en valor o xornalismo cultural.

Galaicos, a exposición

Galaicos. Un pobo entre dous mundos é unha exposición itinerante na que é posible ver obxectos arqueolóxicos, réplicas, imaxes e fotografías, así como 21 ilustracións, textos e recursos audiovisuais. Ten como obxectivo difundir a historia da civilización galaica e a confluencia de tradicións culturais e comerciais do mundo Atlántico e Mediterráneo. No seu percorrido polos museos máis importantes de España, xa recalou no Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid e a finais de mes chegará a Valencia.