Noticias

O CEIP Seara de Moaña apúntase á compostaxe

Rapazas e rapaces do centro de ensino visitaron hoxe un dos centros comunitarios da vila e axudaron á mestra composteira a cribar o compost


11 marzo 2019
CEIP Seara

Nenas e nenos do CEIP Seara de Moaña están a converterse en expertos en compostaxe. No día de hoxe visitaron un dos centros de compostaxe comunitaria que hai na vila e durante as últimas semanas participaron en diferentes quendas nas charlas e obradoiros que organiza a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza nos centros de ensino da provincia.

O alumnado do segundo ciclo de primaria foi hoxe o protagonista e axudou á mestra composteira a cribar o compost, é dicir, a separar as partes máis grosas da emenda orgánica para que sexa máis fina e poida ser utilizada en macetas pequenas. Alumnas e alumnos tamén se animaron a "rescatar" as miñocas que estaban no compost final para que voltaran ao composteiro e seguisen a facer o traballo de descompoñer os restos orgánicos. Ao finalizar a xornada, todos os escolares levaron unha mostra de emenda madura para empregala na horta ou nas plantas da casa. Está previsto que, ademais da visita de hoxe, outra quenda de alumnas e alumnos de terceiro ciclo visiten o centro de compostaxe comunitaria o vindeiro xoves.

Ademais das visitas aos composteiros comunitarios, as rapazas e rapaces do CEIP Seara estanse a formar en compostaxe participando en diferentes charlas e obradoiros impartidos polo persoal do CEIDA. Entre outros, os escolares asistiron á actividade titulada ‘Quen vive aí?', na que pequenas e pequenos coñeceron os bechos que habitan nos composteiros e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos do lixo, sendo unha parte fundamental do proceso para obter un bo compost.

Outras charlas ás que asistiron foron ‘A voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. As e os máis pequenos participaron no ‘Xogo da miñoca', unha variación xigante da oca na que hai que resolver preguntas sobre como acadar un bo compost.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Fotos