Noticias

O complexo intermareal Umia-O Grove acolle este domingo a segunda das rutas ornitolóxicas do programa "Voando nas Rías Baixas"

As 25 prazas dispoñibles para esta excursión guiada esgotáronse en tan só 15 minutos


14 febreiro 2020
Voando nas Rías Baixas

O Complexo Intermareal Umia-O Grove é o escenario escollido para acoller este domingo a segunda das rutas ornitolóxicas de "Voando nas Rías Baixas", o programa da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO-Birdlife, que a través de cinco excursións guiadas permite ao público coñecer de xeito gratuíto a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. As 25 prazas ofertadas para esta ruta, nun espazo protexido pola Rede Natura 2000 e Reserva Ornitolóxica máis grande de España, esgotáronse en tan só 15 minutos.

O escenario, declarado reserva ornitolóxica de SEO/Birdlife do Grove, é un dos mellores lugares para a observación de aves acuáticas invernantes, de feito máis de 18.000 aves pasan os meses de frío neste espazo da provincia. Así, durante a excursión, as persoas participantes poderán observar cullereiros, gavitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carráns, movellas, pentumeiros ou corvos mariños, que dende o norte de Europa desprázanse a esta Reserva para aproveitar a súa riqueza. Esta ruta, que contará con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico, terá como punto de encontro o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ás 9 horas.

Tras esta segunda ruta, "Voando nas Rías Baixas" continúa cunha terceira excursión o 8 de marzo polo esteiro do río Miño (A Guarda) e Foz da Ramallosa (Nigrán). O prazo de inscrición para a terceira ruta estará aberto desde o 24 de febreiro ao 4 de marzo. Posteriormente, o programa continuará polas brañas de Xestoso e serra do Suído.

"Voando nas Rías Baixas", que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan estratéxico de turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.