Noticias

O compromiso da Deputación cos obxectivos de desenvolvemento sostible e co emprendemento protagonistas da gala de entrega dos premios de AJE

A Deputación cede unha oficina ou nave no polígono de Barro á persoa gañadora do premio Xove Empresario/a do Ano e todas as candidaturas presentadas aos premios de AJE terán a posibilidade de optar a unha nave no viveiro de Lalín


17 outubro 2019
ODS Gala Xove Empresario

O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, recibiu esta mañá ao presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey, para abordar cuestións relacionadas co XXIV Premio Xove Empresario do ano 2019 e a gala de entrega dos distintivos. A Deputación de Pontevedra terá un papel protagonista en ambos acontecementos ao ceder unha oficina ou nave no polígono de Barro á persoa gañadora do premio Xove Empresario/a do Ano e unha nave no viveiro de Lalín ás candidaturas presentadas que o desexen. Ademais, durante a gala de entrega dos distintivos entregarase un folleto informativo que resume o compromiso do Goberno de Carmela Silva co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e proxectarase un vídeo que reflicte a súa aposta polo emprendemento.

Santos Héctor Rodríguez explicou que o Goberno da Deputación de Pontevedra ten un firme compromiso co Medio Ambiente e a Transición Ecolóxica. Deste xeito, o deputado trasladou "a vontade da presidenta provincial de divulgar o cumprimento dos ODS ao tecido empresarial da provincia, sobre todo ao empresariado máis xuvenil, máis sensible a converterse en empresas socialmente responsables". Por ese motivo, entregaráselles a todas as persoas asistentes á gala de entrega dos premios de AJE, que terá lugar o 31 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, un folleto informativo que recolle o resumo de impactos por ODS dos proxectos impulsados pola Deputación de Pontevedra.

Ademais, no transcurso da mesma gala, proxectarase un vídeo no que se darán a coñecer os proxectos de emprendemento desenvolvidos no medio rural, cos que colabora a Deputación de Pontevedra, e que están liderados, ademais, por xente nova. Neste eido, o vídeo recollerá imaxes do proxecto para o fomento e promoción da produción de castaña, da iniciativa para a promoción das variedades de mazá autóctona e a produción de sidra ecolóxica, de DepoApicultura, do cultivo sustentable de froitos do bosque, de DepoVerde, dos eventos de produto quilómetro cero desenvolvidos con motivo da Semana da Acción Global polo Clima, así como das liñas de subvencións a cooperativas agrarias, confrarías de pescadoras e pescadores e federacións e agrupacións de mariscadoras da provincia.

Finalmente, o deputado provincial tamén recordou que a institución provincial cederá á persoa gañadora do premio Xove Empresario/a do ano 2019 unha oficina ou nave no polígono industrial de Barro durante un ano e que todas as candidaturas presentadas terán a posibilidade de optar a unha nave no viveiro de Lalín tamén durante un ano.

O XXIV Premio Xove Empresario de AJE Pontevedra está dirixido a aquelas ideas de negocio lideradas por mozas e mozos da provincia menores de 41 anos e viables técnica e economicamente. Os premios terán dúas modalidades, Xove Empresario/a do Ano e Xove Emprendedor/a do Ano, así como tres accésits á innovación, á creación de emprego e á responsabilidade social empresarial. Tamén se fará entrega dun premio honorífico que, neste 2019, recibirá Florentino Cacheda. As persoas interesadas en presentar candidatura disporán de prazo ata o 27 de outubro, ás 23.59 horas. As e os premiados coñeceranse o mesmo día da gala, o 31 de outubro, no Pazo da Cultura de Pontevedra.