Noticias

O concello de Poio consegue un aforro enerxético de preto do 80% a través dunha achega do IDAE xestionada pola Deputación

Cun orzamento de 78.000 euros, as actuacións permitiron cambiar 263 puntos de luz en diversos lugares como as PO-308 e 351 ou as Avenidas de Andurique e A Barca


25 novembro 2021
Iluminación exterior en Poio

Poio conta con 263 novas luminarias que están a permitir un aforro enerxético do 77,8% en varios puntos do concello, unha mellora que se conseguiu a través dunha subvención do IDAE xestionada pola Deputación de Pontevedra e que ascendeu a 78.000 euros. Un dos lugares nos que se realizaron estas actuacións foi a Avenida da Barca, á que se achegaron hoxe o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, para coñecer de preto o estado da nova iluminación.

Ademais da citada avenida, o cambio de luminarias levouse a cabo en diversos lugares como a PO-308, a PO-531, as rúas Rego, Lameiriña, Outeiriño, Pedaporta, a avenida Andurique ou o camiño de Teinogueira. Neles instaláronse puntos de luz con tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas, que ademais reducen o fluxo luminoso nas horas de menor uso.

Deste xeito, a Deputación segue a apostar por unha provincia sostible e pola consecución dos obxectivos da Axenda 2030, cuxo sétimo fito busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna. Ademais, este tipo de actuacións serven para concienciar á cidadanía da necesidade de empregar recursos que sexan o menos prexudiciais posible co medio ambiente, como é o caso da tecnoloxía LED.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña.

Esta non é a única actuación que o IDAE realizou no concello, onde tamén se reduciu a pegada de carbono a través da mellora da EP-0601 Portosanto-Campelo. Esta obra contou cun orzamento de 2.012.000 euros, dos que o IDAE aportou 1,4 millóns e a Deputación de Pontevedra os 612.000 euros restantes.

 

Fotos