Noticias

O Concello de Ribadumia concienciado da importancia das enfermidades cardiovasculares e da necesidade dunha resposta rápida


02 decembro 2019
Ribadumia
Desfibriladores Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa que o pasado sábado día 30 de novembro, en horario de 16 a 20:30 horas, tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Ribadumia un curso sobre Soporte vital e manexo de desfibriladores.

A día de hoxe o Concello de Ribadumia conta con desfibriladores en 3 instalacións municipais: no campo da Bouza en Barrantes, no campo da Senra en Ribadumia e no ximnasio municipal de Cabanelas. Ademais, Protección Civil conta con 1 desfibrilador móbil no último vehículo adquirido.

Esta xornada formativa, impartida por Anek S3 Cardioprotección para Proyecto Salvavidas e que mesturou teoría e práctica no uso do desfibrilador en nenos e adultos, foi dirixida precisamente a membros das entidades deportivas (Umia CF, CD Ribadumia e CN O Muíño) e centros educativos (CPI e Gardería municipal) onde se atopan instalados actualmente os desfibriladores municipais, así como a Protección Civil e persoal municipal dedicado á atención de persoas, desde o Fogar dos Maiores ata o ximnasio, pasando pola Escola de Ocio e Tempo Libre municipais.

Todos aqueles participantes recibirán un certificado, carné e manual de soporte vital básico.

O curso desenvolveuse como consecuencia do convenio asinado en abril co Proxecto Salvavidas, que fai posible achegar ós veciños de Ribadumia unha ferramenta fundamental nos primeiros minutos nunha emerxencia sanitaria como é un desfibrilador, así como darlle ó persoal que o pode manexar unha formación básica, xa que tanto os organizadores de eventos deportivos como as administracións públicas teñen que ser conscientes de que ter un desfibrilador cerca pode implicar salvar unha vida ou diminuír as posibles secuelas dun accidente cardiovascular mentres non chega a asistencia sanitaria.