Noticias

O Concello de Tui e a asociación Diversidades Acolle estudan novas vías de colaboración entre ambas entidades

No Centro de Acollida de Refuxiados Acolle de Tui viven na actualidade 18 persoas


14 setembro 2021
Tui
Centro diversidades Acolle

O Concello de Tui celebrou esta mañá unha mesa de traballo coa asociación Diversidades Acolle na que abordou a continuidade da colaboración con esta entidade que dende hai ano e medio conta cun Centro de Acollida de Refuxiados na cidade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e a traballadora social, Carmen González, reuníronse con Santiago Álvarez Avión, director, Inma Rodríguez Lago, responsable do centro de acollida de Tui, e con Belén Arranz Núñez, coordinadora de programas.

Dende o Concello de Tui amosouse a boa disposición para continuar coa colaboración establecida, en distintos ámbitos, con Acolle dende a súa implantación en Tui, estudando a posibilidade de estender esa cooperación entre ambas entidades a outros programas que realizan dende a entidade social.

No Centro de Acollida de Refuxiados que Diversidades Acolle ten en Tui viven 18 persoas pertencentes a unha familia siria que chegou en abril, dúas familias afganas e dous homes senegaleses que chegaron en agosto.

Tras o encontro desta mañá proximamente celebrarase outra mesa de traballo con outros departamentos municipais para seguir concretando as liñas de colaboración abordadas no día de hoxe.

Diversidades Acolle é unha asociación, membro de Red Acoge, que contribúe á defensa de dereitos e á inclusión das persoas migrantes e refuxiadas, promovendo a participación, a igualdade de oportunidades e a integración social e laboral.