Noticias

O Consello Asesor do Museo cualifica de "boa solución" a proposta de rehabilitación dos edificios centrais pola súa "unidade funcional"

As persoas integrantes do órgano consultivo tamén ven con bos ollos a creación do novo inmoble en Valdecorvos dada a saturación actual de pezas arqueolóxicas


28 xaneiro 2020
Consello Asesor do Museo

O Consello Asesor do Museo considera unha "boa solución" a proposta de rehabilitación dos edificios centrais formulada pola Deputación de Pontevedra unindo o Castro Monteagudo, o García Florez e o Fernández López con dous niveis baixo terra. Así se recolle na acta da primeira reunión que tivo lugar onte, salientando positivamente o anteproxecto de reforma por permitir a conexión dos tres edificios cunha soa entrada dotándoos de "unidade funcional", gañando capacidade expositiva e mellorando notablemente a accesibilidade.

Así mesmo, as e os integrantes do Consello Asesor viron con bos ollos construír un novo edificio destinado a Centro de Arqueoloxía en Valdecorvos dada a situación de saturación de pezas arqueolóxicas que chegan ao Museo desde todas as escavacións da provincia. O apoio ás propostas deuse despois de coñecer en fondura o estado actual das instalacións do Museo: as condicións de falta de seguridade nos edificios centrais agora pechados ao público –con risco de caída dalgunha das plataformas–, a falta de accesibilidade e a carencia de espazo expositivo e almacenamento.

Hai que lembrar que a día de hoxe as instalación museísticas albergan unha grande cifra de elementos arqueolóxicos que saturan o espazo de almacén dos sotos do Sexto Edificio, chegando a producirse a situación de que algúns restos están incluso espallados por domicilios particulares –dos propios arqueólogos e investigadores encargados de escavacións– ou en dependencias de concellos como o de Pontevedra, Cangas ou Lalín.

Ante as necesidades de maior espazo e funcionalidade o Consello Asesor fixo de maneira unánime a mesma diagnose que a Dirección do Museo: é urxente dar solución coa redefinición dos inmobles na zona vella e creación de novos espazos adaptados.

No caso do anteproxecto de rehabilitación, louvouse a proposta para dotar de unidade funcional aos tres inmobles pechados mantendo a súa estética exterior, un valor que sempre se quixo preservar e que, ademais, o Departamento de Patrimonio pon como condición ante a reforma.

Por outra banda, apóstase pola creación do novo edificio de Valdecorvos como Centro de Arqueoloxía, xa que este achega unha solución a medio e longo prazo para o espazo de almacenamento, expositivo e como área de investigación. Coa súa construción, ademais, os edificios situados no centro urbano poderán ser liberados para outros fins e reorganizados.

O Centro de Arqueoloxía, segundo se destacou, estará baseado no Gordailua vasco, facendo que o deseño arquitectónico e a funcionalidade (circulacións de pezas, as distribucións por planta dos distintos materiais, espazos de xestión íntegra da colección, espazos de conservación…) estean integrados dende a súa concepción.