Noticias

O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento está a participar nas labores de busca do pescador portugués desaparecido

Nestes momentos a Deputación de Pontevedra conta cun dispositivo activo no que participan tres persoas e unha embarcación, mantendo o parque do Porriño operativo


13 febreiro 2018

O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento está a participar desde esta mañá nas labores de busca do pescador portugués desaparecido o pasado sábado na beira portuguesa do río Miño. A Deputación de Pontevedra, nestes momentos, ten activo un dispositivo no que están a participar tres persoas e unha embarcación do Consorcio, mantendo ademais o parque do Porriño operativo.

O home desaparecido o pasado sábado trátase dun pescador portugués de 55 anos que, ao parecer, supervisaba unha pesqueira de lamprea no río Miño. O home, veciño do municipio portugués de Monçao, desapareceu nun tramo situado entre o concello pontevedrés de Arbo e a vila portuguesa.

A Deputación de Pontevedra súmase aos traballos de busca do pescador que está a coordinar a Garda Civil. Nestes momentos, ademais de efectivos do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento e da propia Garda Civil, están a participar persoas da Comandancia Naval do Miño e buzos da Armada.

Os traballos realízanse no marco do protocolo de colaboración transfronteiriza, ao abeiro dos acordos entre España e Portugal relacionados co tramo internacional do río Miño.