Noticias

O departamento de Mobilidade da Deputación constrúe tres muros para consolidar os noiros da estrada provincial á igrexa de Fragas en Campo Lameiro

O deputado Uxío Benítez explica que os traballos, cun orzamento de 80.000 euros, finalizarán neste mes se a climatoloxía o permite


12 xaneiro 2018
Campo Lameiro

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a construír tres muros de contención para consolidar a estrada provincial EP-8303 á igrexa de Fragas no termo municipal de Campo Lameiro, logo dos danos producidos polo temporal ‘Ana'. Segundo indica o deputado Uxío Benítez, prevese que os traballos, cun orzamento de 80.000 euros e que comezaron antes do Nadal, estean finalizados neste mes se a climatoloxía o permite.

A actuación na EP-8303 foi aprobada por vía de urxencia nos días posteriores ao ‘temporal Ana' unha vez que os vixiantes provinciais da rede de estradas da Deputación detectaron importantes deficiencias causadas pola caída de auga e o arrastre de áridos, que supoñían un perigo para a estabilidade da vía, concretamente no punto quilométrico 1+500, onde se desprendeu un noiro e afundiu a estrada.

As obras que se están a realizar consisten na neutralización do noiro, estabilizándoo coa construción de tres muros escollera de perpiaño e na reposición do paquete de firme da estrada alí onde se produciron os ‘blandóns'. Polo de agora estase a actuar coa maquinaria pesada instalando os bloques de pedra no noiro e, no treito final, mellorarase a zona de aglomerado.

O deputado Uxío Benítez destaca a importancia da rapidez coa que se actuou a raíz desta deficiencia para evitar maiores consecuencias na estrada, xa que de ter agardado por unha contratación ordinaria dos traballos, a falta de seguridade viaria sería maior e, con toda probabilidade, de seguirse producindo arrastres de terras, obrigaría a unha intervención moito máis custosa.